Os máis pequenos poderán ser parte activa do Marisquiño
O Marisquiño é un festival para tódolos públicos, tamén para os pequenos da casa. Ademais de sorprenderse coas piruetas e acrobacias dos deportistas, os nenos poden facer os seus primeiros pinitos no mundo do deporte e cultura urbana.
De venres a domingo Vigo se converte en capital do deporte e cultura urbana e tódolos vigueses temos a oportunidade de ver a figuras internacionais do BMX, skate, motocross, breakdance e agora tamén baloncesto facer verdadeiras peripecias. Sen dúbida, os pequenos da casa gozan tanto ou máis que os adultos vendo estes espectáculos. No afán do Marisquiño de crear canteira na cidade e de que este sexa un festival pensado para o público de tódalas idades, inclúe na súa programación obradoiros infantís de baloncesto, graffiti e Breakdance.
Clinic de Basket
Dentro da programación de Basket de O Marisquiño, a gran novidade desta edición, impartiranse obradoiros de iniciación ao baloncesto, dirixidos a mozos entre 12 e 16 anos. O clinic terá lugar o venres 10 e correrá a cargo do coach Nacho Vidal. Consistirá nun adestramento onde os mozos poden descubrir ou mellorar a técnica e o fundamento deste deporte. Un obradoiro no que practicar botes, pases e tiros así como situación de xogo e competicións. Desenvolverase na área de Basket na praza traseira do Tinglado.
Iniciación ao graffiti
Os máis pequenos poderán aprender e descubrir as distintas técnicas e estilos do mundo do graffiti e o Street art. Os participantes crearán a súa propia obra con rotuladores POSCA sobre diferentes superficies, simulando o traballo dos grafateiros profesionais. Esta actividade gratuíta, destinada a nenos de entre 6 e 13 anos, correrá a cargo de Ras e Powone, dous artistas galegos con moita experiencia e longa traxectoria no arte urbano. Impartiranse dous workshops por día, un ás 17:00 e outro ás 19:00, o venres e o sábado.
Obradoiros de Breakdance
Workshops gratuítos organizados por KL Making Dancers e impartidos por Bboy Kawa, monitor de Breakdance con máis de dez anos de experiencia impartindo clases e rapaces e rapazas de tódalas idades. Os obradoiros terán lugar na área de breakdance situada na praza da Estrela e están dirixidos a todos aqueles mozos amantes ou interesados pola cultura Hip Hop e o Breaking que queiran coñecer as orixes, os movementos básicos e os ideais desta cultura.