O trío Caspervek anuncia 10 concertos para este ano
A agrupación local Caspervek, coñecida por musicalizar películas de cine mudo, anunciou esta semana todos os concertos que realizará na nosa cidade para este 2020. Un total de 10 actuacións repartidas entre La Galeríajazz, Fundación Sales, Conservatorio Superior e Muta. A primeira será o 1 de febreiro nesta última localización, poñendo música a El hombre de la cámara.
O trio Caspervek trata de achegar a música a distintas disciplinas artísticas, conxugando elementos visuais e sonoros, converténdose nos últimos anos nunha das referencias europeas dos cinema-concertos. A agrupación base está formada por Brais González, Eduards Vecbaštiks e Blas Castañer, mais adoitan engadir a máis instrumentistas nas súas diferentes actuacións.
No caso desta nova tempada, ao longo destes 10 concertos contarán con invitados de excepción como Marta Sancho, Fran Troncoso, Tonio Comesaña o o Coro de Cámara Rías Baixas. O ciclo comeza o 1 de febreiro en Muta, onde musicalizarán El hombre de la cámara (1929) de Dziga Vertov coa axuda de Marta Sancho e Mario Peris. Continuamos o 7 de marzo cunha proxección sorpresa na Galeríajazz e o 25 de abril con El Gabinete del Dr. Caligari (1920) en Muta novamente.
A programación continúa en maio con Obras de Luz, unha experiencia de vídeomapping e cine mudo co Coro de Cámara Rías Baixas que promete deixar ao público asistente coa boca aberta. Tanto esta como as demais actuacións ata setembro serán na Fundación Sales, unha localización ideal para gozar do cinema ao aire libre. Seguimos o 13 de xuño con Tabú (1931), un filme rodado en Tahití durante a etapa estadounidense do director F.W. Murnau. no que contarán coa colaboración de Fran Troncoso á percusión. Las Tres Edades (1923), dirixida e protagonizada por Buster Keaton, será o filme de xullo no que clarinetista Tonio Comesaña unirase ás filas de Caspervek.
Rematamos o verán con Siete Ocasiones (1925), tamén de Keaton, o 12 de setembro, que dará paso o 17 de outubro á musicalización de Häxan (1922) con Nerea Rodríguez ao acordeón, esta vez en Muta. Para finalizar o ano, haberá un concerto didáctico para familias no Auditorio Martín Códax, aínda pendente de confirmación, e unha última proxección o 12 de decembro en Muta, a de El Jorobado de Notre-Dame (1923). Pronto sairá máis información respecto ás entradas e reservas.