O home detrás da placa
«Juan Compañel» é o nome aparafusado ás portas da Biblioteca Pública de Vigo, nunha placa de talle grande e metal lumínico que non pasa desapercibida. A harmonía desafina sobre unhas pilastras tronzadas na vista. O vento xira na esquina e os ollos fúganse polo Arco de Quirós. Se cadra, non estaba de máis engadir unha información máis concisa; a suficiente para xustificar o privilexio de que ese nome denomine o noso templo central da literatura.
En abril deste mesmo ano descubriuse unha foto que, por vez primeira, lle puxo rostro. Pensamos que é o momento propicio para que a biblioteca central da nosa cidade coloque nun lugar destacado este retrato. Con el, unha breve información que sexa resumo do estudo pendurado na web. Porque este nome é o do impresor e editor máis importante do Rexurdimento. Tal proeza logrouna desde a rúa Real de Vigo. Mais nacer, naceu en Compostela, nunha estirpe de libreiros e impresores. Foi formado por súa nai, Jacoba Rivas, porque ela dirixiu o negocio familiar tras a morte temperá de seu home, Francisco Luis Compañel. Imprenta de la Viuda e Hijos de Compañel plasmaba o nome nas publicacións que acuñaba. Algunhas delas tan importantes como a revista xuvenil de Antolín Faraldo, El Porvenir. En tempos aínda non moi pretéritos, a muller acostumaba a aparecer acreditada como un complemento patriarcal: «hija de», «señora de» ou «viúva de». As biografías femininas son escorregadizas entre os fíos da historia; recuperémolas.
O noso protagonista iniciou vida laboral aos 15 anos, a carón da nai e de seu irmán Joaquín. Deixou os estudos para se dedicar a este mundo de papel e tinta. O destino levouno a Madrid onde, sob protección de Eduardo Chao, se encargou dunha imprenta. Dela sairía prensa do emerxente líder republicano Francesc Pi i Margall ou un sonorísimo periódico como El Eco de la Clase Obrera. En 1855, os progresistas de Vigo chamaron por el. Comezou aquí unha prolífica vida sociopolítica e cultural. Miliciano, accionista-fundador da fábrica de papel La Cristina, á beira do río Lagares, en terras de Lavadores —daquela concello, hoxe parroquia de Vigo— ou do Banco de Vigo canda Manuel Bárcena. Tamén foi socio fundador de recreos artísticos, impresor das primeiras obras de Rosalía de Castro, de Manuel Murguía, xornalista, editor…
Vista e tratada coma un anexo secundario no movemento cultural galego, a cidade de Vigo alzouse poderosa para pregoar aos catro ventos que Rosalía viña de publicar Cantares gallegos e que o Rexurdimento tiña como voceiro periodístico o perídico La Oliva e o consecuente El Miño. O golpe militar contra a I República Española provocou o exilio do editor a Cuba, onde continuaría coa vocación amadora das letras. Morreu na vila cubana de Santa Catalina. A viúva, Emilia Chao —irmá de Eduardo e Alejandro Chao—, morrería en 1922, tal e como informa o xornal Galicia. Diario de Vigo, de Valentín Paz-Andrade.
Un servidor desexaría, ao pasear un día polo corazón de Vigo, atopar un descendente desta familia que trouxese multitude de escritos, libros e xornais, perdidos nos rousos do pasado. Entón o vento asubiaría unha alborada arrentes do fermoso edificio onde estaba a placa de «Almacenes Ferro», xusto no mesmo lugar onde hoxe figura o nome de Juan Compañel.
Xurxo Martínez González
Historiador