O GFFF chama aos creadores audiovisuais máis terroríficos
O Galician Freaky Film Festival abre a inscrición para o concurso de curtametraxes Curta ou susto. Os afeccionados ao audiovisual e os profesionais poden presentar as súas creacións de máximo 30 segundos ata o 31 de agosto a través das redes sociais. Os traballos seleccionados serán proxectados na 5ª edición do festival do 29 de setembro ao 2 de outubro.
O festival Galician Freaky Film realiza por segundo ano consecutivo o concurso online de microcurtametraxes Curta ou susto para chamar ao inxenio e talento do vídeo. Tanto os amateurs do audiovisual como os profesionais poden enviar as súas obras ao certame, que deben contar cunha duración máxima de 30 segundos sen incluír os créditos finais. As pezas deben ser producidas durante o ano 2021 en galego ou castelán, ou ben subtítulos nalgunha das devantidas linguas. Os xéneros a optar son o terror ou a parodia do mesmo.
Para facer chegar os traballos os participantes deben publicar o seu vídeo incrustado nunha publicación de Facebook, Instagram ou Twitter, seguir nesa mesma rede ao GFFF, utilizar o hashtag #CurtaOuSusto e etiquetar ao festival. Cada creador pode enviar tantas obras como queira. O martes 31 de agosto será o último día dispoñible para inscribir as pezas ao festival.
O xurado ten en conta a orixinilidade dos proxectos e a capacidade da peza de facer tremer ao espectador, por riba do orzamento ou os ascpecto técnicos da microcurtametraxe, promovendo a creatividade e o esforzo dos creadores. Os mellores traballos proxectaranse durante a xornada de clausura da quinta edición do GFFF do 29 de setembro ao 2 de outubro e os seleccionados recibirán como premio un pase para desfrutar da Sección Oficial do certame a través da plataforma online Festhome.
Todas as bases e máis información na páxina web do festival galego.