CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Novidades musicais para este outono

Como vén sendo habitual, a produción musical viguesa non deixa de sorprendernos coa súa cantidade, calidade e variedade. Aquí van algunhas das novidades musicais que viron a luz nos últimos meses.

Michu da Rocha nun concerto | Cedida

MICHU DA ROCHA

Primeiro adianto do próximo disco do músico vigués Michu da Rocha e a súa banda. O tema fala, de xeito irónico, sobre o debastador plan urbanístico de mediados do século pasado na nosa cidade a mans de xente como o exalcalde franquista Portanet, entre outros, e as súas consecuencias a día de hoxe.

rArO

rArO é o proxecto do músico, produtor e técnico de son Esteban Varela, que vén de publicar o seu primeiro álbum Not my algorithm. E si, é algo raro, pero é unha das propostas máis interesantes xurdidas en Vigo nos últimos tempos. Unha mestura de sintetizadores, caixas de ritmos, baixo e voces que pode lembrar a artistas como Gorillaz ou Daft Punk.

PABLO LESUIT

‘Quién me salva’ é a nova canción do vigués Pablo Lesuit xunto a Jenny & The Mexicats. Pablo e David, membro dos Mexicats, coincidiron hai un par de anos na Casa Portamérica de México, e alí comezou a xestarse este tema case como un divertimento.

ANTIFRÁGIL

A finais de outubro Antifrágil publicou ‘Miedo’, o primiero sinxelo dun conxunto de cinco que irán saíndo ao longo dos meses, acompañado dun atractivo videoclip de estilo futurista. Unha canción de tintes de rock noventeiro directa e crúa que irradia enerxía y raiba. Tamén publicaron o tema ‘Irreversible’, gravado en 2019, xunto con dous remixes do mesmo.

DIOIVO

‘Por 100 anos máis’ é o novo sinxelo do dúo vigués de metal en galego Dioivo, adicado ao Celta de Vigo e ás súas seareiras e seareiros con motivo do seu centenario. Nel, Dioivo repasa algúns dos fitos máis destacados da traxectoria do equipo celeste ao longo dos seus 100 anos de historia.

ÁLEX CASSEN

O artista vigués Álex Cassen presenta ‘LAMENTAR’, o seu primeiro single. Cunha letra cargada de ironía e despeito, a produción mestura elementos de xéneros como o techno, o house e o reguetón, conseguindo un son único que ameaza con romper as pistas de baile.

DANI DICOSTAS

Dobre nova por parte da cantante viguesa: cambio de nome a dani dicostas (mantén as minúsuclas, engade o apelido) e lanzamento do seu último tema, ‘Yo también me porto mal’. Unha canción fresca, breve e directa co principal fin de divertirse.

DRAMSANYÚ

Proxecto vivo e en movemento que nace do sempre inquieto baterista vigués Suso Valcárcel. Tras varios anos sen participar nunha banda en 2022 decídese a dar o salto ao mundo da composición en solitario, tarefa que xa levaba a cabo acompañado doutros músicos nas bandas nas que militou no pasado como Nocheni, The Mirage ou Supernatural. Estas cancións poden mercarse de xeito dixital cun prezo simbólico de 4€, cuxa recadación irá parar a algunhas asociacións sen ánimo de lucro que traballan con mozos e mozas en condicións económicas non favorables para poder estudar música, como a Orquesta Son das Flores e a Asociación Cultural Musical Luis Nieves.

FILLAS DE CASSANDRA

O dúo formado por Sara Faro e María Pérez  convértese no novo integrante do proxecto Puro Deleite, a iniciativa na que Deleite reúne a bandas e artistas do noso panorama musical co obxectivo de homenaxear aos grandes referentes da historia de Galicia. Quixeron nesta ocasión darlle unha volta á versión de Luz Casal do emblemático poema de Rosalía de Castro Negra Sombra.

BROKEN PEACH

Por noveno ano consecutivo a banda viguesa lanza o seu vídeo máis “terrorífico” para xúbilo dos seus fieis, que xa se contan por centos de miles (especialmente nos Estados Unidos). Neste caso, a nova aposta radica unha reinvención de ‘One Way Or Another’, orixinalmente composto por Blondie e plasmado xunto a unha estética que lembra moito ao cinema de xénero maridado coa temática cheerleader.

ART’S AROUND

ART’S AROUND é unha canción e videoclip orixinal creado como proxecto final da asignatura de inglés co alumnado de 1º de Bacharelato E de Artes Escénicas do IES Alexandré Bóveda en Vigo. Unha canción na que estes rapaces e rapazas quixeron transmitir a importancia das artes e dos estudos de artes neste mundo. “Non calaremos! Imos berrar!” é un grito de esperanza e revolución que se repite ao longo deste tema no que tamén quixeron expresar a importancia do galego, incluíndo parte da letra na nosa lingua. A profesora e coordinadora desta iniciativa é Tania Rodríguez, vocalista da banda The Mirror.

GUZMEN

O single do novo artista vigués combina a esencia do pop urbano cunha produción electrónica a cargo dos produtores 3KMKZ e o músico Oliver Martín. Segundo o autor, “é unha canción que profunda na complexidade das relacións, o descontrol que provoca o coñecer a alguén moi distinto a un mesmo, pero á vez moi parecido, coma se coñecésense de toda a vida”.

ARIMAGRITTE

ARiMagritte lanzou en setembro ‘Comezar de Cero’, un tema composto para a BSO da webserie homónima, creada por Alejandro Felipe e Sara Diéguez.

LOIROS

En outubro punlicouse o novo disco de Loiros, un cuarteto de post rock e psicodelia que bebe da música dos noventa. ‘How Does It Feel’ foi o primeiro adianto dos sete temas que compoñen Back from the Edge.

CARLA LOURDES

CAMELIAS NADAL

A cantautora Carla Lourdes, ponferradina afincada en Vigo, prepara o lanzamento do seu primeiro álbum. Para iso, habilitou na plataforma Verkami un crowdfunding para alcanzar os fondos necesarios para lograr este obxectivo. El día que descubrí el lunar de tu oreja é o nome deste traballo, que contará con nove cancións gravadas xunto a Raúl Ben. Preme aquí para participar na campaña.

FRANCISCO CASTRO

O escritor e ex-director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, acaba de estrearse no eido musical co lanzamento do seu primeiro disco: ‘Agora é o tempo’. “Letras e músicas para reivindicar a vida pero tamén para pelexar contra dunha realidade que merece ser, cando menos, pensada”, en palabras do autor.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.