Maika Makovski e Zahara emocionan ao público vigués
O escenario de El Ensanche quedouse pequeno para recibir a dúas grandes mulleres como son Maika Makovski e Zahara. O primeiro concerto de Escenarios Mahou en Vigo, xuntou nun mesmo escenario a estas dúas excepcionais artistas. Coa súa música conseguiron facer flotar ao selecto público que tivo a oportunidade de acudir a un directo intimista e cargado de emoción.
A primeira en saír ao escenario de El Ensanche foi a cantautora maiorquina Maika Makovski. Sobre as táboas dúas guitarras, unha acústica e outra eléctrica, un piano e a enerxía desbordante de Makovski, que sorprendeu ao público cun espectáculo soberbio. Foi capaz de facer viaxar ao público por todo un mundo de sentimentos a través das súas cancións. Dende a tristeza, ao namoramento pasando polo acougo e o delirio total.
A actuación de Zahara era moi esperada tras o seu parón por maternidade. A madrileña demostrou estar en plena forma nun espectáculo no que fixo un percorrido pola súa discografía e se atreveu tamén a facer algunha versión como a de ‘Titanium’. Unha interpretación que animou a sala do Ensanche que estaba totalmente entregada á artista. Para sorpresa dos presentes a música madrileña volveu a interpretar ‘Con las ganas’, un dos seus temas máis populares. Unha canción que en moitas ocasións decidiu non tocar porque, como ela mesmo ten recoñecido, para interpretala ten que viaxar a un período moi doloroso que pertence a unha etapa que nada ten que ver coa que está a vivir. O sábado conseguiu cortar a respiración do Ensanche coa interpretación deste tema.
Esta semana celébranse as outras dúas datas de Escenarios Mahou en Vigo. O xoves Iván Ferreiro e Anni B. Sweet actuarán na Sala Sinatra e o venres Morgan e Ricardo Lezón estarán en Island Club.