Festas tradicionais, Galder Varas e o Napalm Fest esta ponte en Vigo
Podemos aproveitar a ponte para descansar, pero tamén para asistir a numerosos espectáculos, concertos e festas tradicionais como a Sementeira ou os Maios. Para máis información, preme nos títulos e, se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana en Vigo, entra na axenda de A Movida.

A FESTA DOS MAIOS – Xoves ás 12:00 horas no Torreiro dos Liñares – De balde
A Festa dos Maios é unha tradición galega que celebra a chegada da primavera e o renacer da natureza. En Canido, a celebración terá un toque participativo: os asistentes están invitados a acudir con algunha chiscadela á natureza —un disfraz, un adorno floral, un detalle verde— e a colaborar na creación colectiva do Maio dos Liñares. O evento estará amenizado polo grupo de pandeireteiras de San Miguel de Oia, e incluirá sesión vermú, comida popular, xogos tradicionais para os máis pequenos e moita festa, nunha xornada pensada para compartir, celebrar e seguir construíndo comunidade.
CARLA LOURDES – Venres ás 21:30 horas na Fábrica de Chocolate – Desde 13,00 €
A artista do Bierzo radicada en Vigo, Carla Lourdes, presenta en directo o seu novo disco El día que descubrí el lunar de tu oreja. O disco comprende unha serie de diarios persoais da artista relatados baixo a batuta dunha estrutura pop pegadiza, esvaecida con toques de indie estatal e con retrousos coreables. O álbum avanza tema a tema cunha voz doce, sempre protagonista, que explora rexistros vocais máis agudos. O debut trata tamén o tema do amor e a procura da estabilidade dentro del.
O cómico e guionista Galder Varas súbese aos escenarios con Esto no es un show, un monólogo no cal as bromas e as risas non faltarán. Pero, “Si esto non é un show”, estaraste a preguntar daquela que trata ? Pois probablemente vaia do mesmo que outros moitos shows de stand up comedy. Un escenario, un micrófono e un cómico. Tamén pode ser que haxa moita improvisación, chistes e anécdotas diferentes ás que xa viras de Galder Varas en redes sociais.

NAPALM FEST – Sábado ás 20:30 horas na Sala Rebullón – Caixa inversa
O Napalm Fest é un festival que ofrece as actuacións de catro bandas de metal, con caixa inversa e finalidade solidaria. Desde Madrid chegan The Ancient Arrival, que se fixeron un nome na escena local pola súa proposta potente que combina elementos clásicos e modernos do metal. Tamén actuará Cabodano, unha das bandas galegas máis destacadas do metalcore actual. En terceiro lugar, actuará Beach Avenue, un grupo lucense de grunge e nu metal que logrou abraiar ao público e converterse nunha das novas promesas do xénero en Galicia. Por último, o festival contará coa contundencia do groove metal dos vigueses Vákner.
MERCADO VINTAGE BILLY’S – De xoves a domingo de 11:00 a 21:00 h en MUTA – De balde
Billy’s é unha tenda de roupa vintage que se especializa en pezas únicas a prezos competitivos. O evento terá un prezo fixo de todo a 9 euros e, ademais, haberá unha zona onde haberá artigos exclusivos (por exemplo zapatillas, chaquetas Carhartt, Ferrari, M&M) a prezos especiais. Existe unha opción VIP diaria desde 5 euros.
FESTIVAL SINSAL PRIMAVERA: BOMBATAZ – Sábado ás 21:30 en Radar Studios – Desde 10,00 €
Tras as actuacións de Joseph Keckler e Chemtrails, o Sinsal Primavera chega ao seu fin coa actuación dos belgas Bombataz. Esta banda de jazz contemporáneo chegan á cidade para presentar o seu último traballo discográfico, Baby Dry My Tears, un disco inconformista que bebe do espírito de Animal Collective ou MGMT para crear pezas cativadoras que se afastan de calquera estrutura estereotipada.

MICHU DA ROCHA – Sábado ás 21:30 horas en La Fábrica de Chocolate – Desde 10,50 €
Michu como bo animal do directo, vive por e para otorgar ao público as súas explosivas actuacións. Un show ateigado de enerxía por todos lados, ben sexa en formato individual cun bombo aos pés, a dúo ou coa banda completa formada por Javier Álvarez (guitarra), Luisma Taboada (baixo) e Juan Pacheco (batería). O proxecto ten unha grande dedicación na calidade dos directos, que ofrecen enerxía, diversión, entretemento e presión sonora dabondo como para agochar os pensamentos propios da audiencia e disolver angustias en suor.
MERCADO RECICLADO – Sábado e domingo de 12:00 a 20:00 horas en Caixa de Ritmos – De balde
Con motivo do Mes da Reciclaxe, volve o mercado reciclado e de segunda man de Felicetta Gualtieri. A deseñadora sinala que “maio é un mes para reflexionar e actuar polo planeta, e que mellor forma que coa arte, a comunidade e con conciencia ecolóxica”. Nesta edición podemos gozar dunha morea de actividades sostibles e bo ambiente. Atoparemos arte local, música, obradoiros, trueque, segunda man e produtos vintage, ademais de comida variada e manicura alternativa.
CONTINENTE MARÍA – Sábado e domingo ás 20:00 horas na Sala Ártika – Desde 12,00 €
Continente María é unha homenaxe escénica á icónica actriz galega María Casares, dirixida por Tito Asorey e con dramaturxia de Marianella Morena. Unha proposta que combina teatro, poesía e música en directo para explorar a súa vida, o exilio e a súa paixón polo escenario. Protagonizada por Melania Cruz e Vadim Yukhnevich, esta obra invita a viaxar pola memoria, a resiliencia e a liberdade, nunha experiencia teatral única e conmovedora.

FESTA DA SEMENTEIRA DO MILLO – Domingo de 10:30 a 18:30 horas en Matamá – De balde
Como cada ano por estas datas celébrase a Festa da Sementeira do Millo na parroquia viguesa de Matamá. Trátase dunha celebración popular que recrea cun carácter festivo os tempos nos que os veciños desta zona se xuntaban para traballar no campo e realizar os labores diarios, neste caso para sementar millo. A programación está dirixida a familias e inclúe concertos, obradoiros, xantar campestre e a propia sementeira simbólica.