13mar(mar 13)10:0018mai(mai 18)21:00O Museo do Mar acolle unha mostra da visita de Nicolás Muller a GaliciaARTE E MUSEOS | De balde10:00 - (maio 18) 21:00(GMT+01:00) Museo do Mar

Detalles do eventos

Dispoñible ata o 18 de maio

A exposición Nicolás Muller en Galicia recolle unha selección de 50 fotografías das máis de 700 que o autor tirou durante as súas viaxes á Comunidade. Máis da metade das imaxes que se exhiben son inéditas, convertendo a esta exposición nunha oportunidade única para achegarnos á Galicia dos anos 60 a través da ollada dun dos fotógrafos máis recoñecidos do século XX.

Este proxecto expositivo, comisariado por José Ferrero, nace á raíz da mostra Nicolás Muller. Vento Norte, que se puido verse no Museo Centro Gaiás no 2023 e que visitaron máis de 14.000 persoas. Co fin de achegar a súa obra a outras localidades nace esta nova exposición no Museo do Mar de Galicia, que encapsula a esencia deste fotógrafo e que inclúe numerosas fotografías das Rías Baixas na década dos 60.

Nicolás Muller (Oròsháza, Hungría 1913 – Llanes, Asturias 2000) viaxou ao norte da península por un encargo da editorial Clave, que lle pediu a creación de fotografías para unha serie de libros que debían mostrar unha imaxe moderna de España co obxectivo de romper o seu illamento e, ao mesmo tempo, tornala atractiva para o turismo e o investimento estranxeiro. Con todo, a ollada de Muller ao territorio e as súas xentes é fondamente humanista. Na súa fotografía  destaca o protagonismo de mulleres e nenos, aos que retrata cunha sensibilidade particular. Muller era capaz de comunicarse coa súa cámara e de captar momentos da vida cotiá, como xogos infantís, sorrisos e olladas cómplices, cunha humanidade especial que foxe do espectáculo ata nos seus retratos das clases traballadoras e máis desfavorecidas.

A mostra, que tamén conta cunha peza audiovisual que contextualiza a figura de Muller dende unha perspectiva actual, articúlase ao redor de cinco temas chave que capturan os temas principais aos que Muller dedicou o seu traballo: o territorio; o mercado; o mar; a muller e o traballo; e o urbanismo e a modernidade.

Nicolás Muller (1913-2000)
Nicolás Muller Grossmann, (Müller Miklós Orosháza,Hungría,1913 – Llanes, España, 2000). Considerado como un dos grandes fotógrafos humanistas, forma parte desa excepcional nómina de fotógrafos húngaros sobradamente coñecidos, como André Kertész, László Moholy Nagy, Martin Munkácsi, Brassaï, Lucien Hervé, Kati Horna ou Robert Capa. Foi testemuña privilexiada dunha das épocas máis convulsas da historia recente europea.

HORARIO DO MUSEO DO MAR

  • De martes a venres: 10:00 a 14:00 h | 16:00 a 19:00 h
  • Sábados e domingos: 11:00 a 14:00 h | 17:00 a 20:00 h

Máis

Hora

13 marzo, 2025 10:00 - 18 maio, 2025 21:00(GMT+01:00)

Localización

Museo do Mar

Av. da Atlántida, 160, 36208 Vigo, Pontevedra

Other Events