15mai18:30Día das Letras Galegas: Cantareiras de ToutónAS NOSAS FESTAS | De balde18:30(GMT+02:00) El Corte Inglés

Detalles do eventos

El Corte Inglés e Ámbito Cultural súmanse un ano máis á conmemoración do 17 de maio, día das Letras Galegas, poñendo en valor e acercando a cultura galega no seu centro de Vigo.

Esta celebración institucionalizada pola Real Academia Galega (RAG), chega a súa 62 edición rendéndolle homenaxe ás cantareiras, recoñecendo a importancia da poesía popular oral.

Para festexar as nosas letras El Corte Inglés organiza o xoves 15 de maio, ás 18.30 horas na libraría (planta 5ª), un encontro entre o pasado e o presente representados na figura das Cantareiras de Toutón e a agrupación xuvenil de O Fiadeiro, “Mouchiñas”. Neste acto falarán da importancia das cantareiras como transmisoras do patrimonio cultural e inmaterial galego, e a necesidade de perpetualo a través das novas xeracións.

O acto, conducido polo xornalista Rafa Valero e Aurora Muiños, da Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro, comezará coa actuación das Cantareiras de Toutón, seguida da participación conxunta destas cantareiras coas rapazas de O Fiadeiro. Esta será a primeira vez que as cantareiras de Toutón e as de O Fiadeiro tocan xuntas, e non pode haber mellor ocasión que a celebración do Día das Letras Galegas.

Esta homenaxe convértese nunha boa oportunidade para escoitar e gozar en directo da poesía oral galega da man das súas protagonistas.

Trátase non só de visibilizar o papel das cantareiras homenaxeadas, senón tamén de todas aquelas outras mulleres garantes da supervivencia dese legado durante todos estes anos.

CANTAREIRAS DE TOUTÓN

Toutón é unha parroquia pertencente a Mondariz, na comarca do Condado. Considérase o xerme da recuperación dos “seráns” nos anos 90 na provincia de Pontevedra, tendo hoxe en día un dos “seráns” máis importantes. Montse, Lucinda, Josefa e Evangelina, cantareiras que estarán en El Corte Inglés de Vigo, formaron e forman parte da veciñanza que mantivo viva esta tradición da poesía oral.

Foron nos anos 80 informantes de personaxes como Dorothy Schubarth, musicóloga suiza que tras anos de investigación, viaxes, entrevistas con informantes e centos de grabacións, publicou, coa colaboración do profesor Antón Santamarina, o Cancionero popular galego, considerado o repertorio máis extenso da música popular de tradición oral galega. Tamén C. Tangana as visitou para coñecer as peculiaridades da pandeireta cando tivo a tarea de crear o himno do centenario do Celta.

    Ademais de ser informantes, as cantareiras de Toutón seguen traballando na posta en valor do seu “Serán dos namorados”, que se celebra en febreiro e está considerado como o máis grande do mundo. No 2026 celebran o seu 30 aniversario desde que se recuperou.

    AGRUPACIÓN XUVENIL DE O FIADEIRO, “MOUCHIÑAS”

    A Asociación Cultural e folclórica O Fiadeiro nace en Vigo nos anos 90 coa intención de recuperar e amosar a nosa cultura tradicional, facendo un importante traballo de recompilación, estudo e arquivado para a súa posterior divulgación.

    As “Mouchiñas” forman parte da escola de O Fiadeiro desde moi pequenas, formándose na nosa música e canto tradicional, fieles ás recollidas feitas pola Asociación no seu traballo de recuperación. É habitual velas nos seráns que se celebran en distintos lugares da nosa xeografía, interpretando pezas, como por exemplo, as de Toutón.

    Máis

    Hora

    15 maio, 2025 18:30(GMT+02:00)

    Localización

    El Corte Inglés

    Av. da Gran Vía, 28, 36204 Vigo, Pontevedra

    Other Events