Festa da Cereixa en Beade
Detalles do eventos
En 1985 os veciños de Beade decidiron exaltar o froito das cerdeiras dado que o seu cultivo dábase ben nesta parroquia de Vigo. Este sábado 3 e domingo
Detalles do eventos
En 1985 os veciños de Beade decidiron exaltar o froito das cerdeiras dado que o seu cultivo dábase ben nesta parroquia de Vigo. Este sábado 3 e domingo 4 de xuño celebran a XXXVI da Feira-Festa da Cereixa con actuacións musicais, degustación da froita e recuperan por aclamación popular o concurso de lanzamento de carabuña.
A Festa da Cereixa dará comezo o sábado 3 de xuño ás 18:00 h coa celebración da tradicional misa cantada pola Masa Coral do C.S.C.R. de Beade. Seguidamente, o auditorio do Centro Cultural de Beade recibirá ás 20:00 h. a Samuel Moreno con Why Not? 2.0, un espectáculo para todos os públicos que mestura maxia con música, tecnoloxía e humor.
O domingo 4 de xuño, considerado como o día grande da cereixa, arrancará ás 11:00 h co pasarrúas da Banda de cornetas, gaitas e tambores Ría de Vigo e a recepción de autoridades. Entre as 11:30 h. e as 12:00 h. haberá degustación de balde da Cereixa e concursos de Calidade, Derivados e Transformación, Presentación e Repostería. A continuación será a quenda do acto central, que contará coa actuación da Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo Kv2211 e pregón a cargo de Tamara Novoa, nativa de Beade e directora deste medio de comunicación. Neste acto protocolario se fará entrega dos agasallos aos gañadores dos concursos citados anteriormente, aos rapaces premiados no concurso de carteis da cereixa,insignias aos socios máis antigose rematará coa imposición das cereixas de ouro.
Tras o descanso para o xantar, a actividade se retomará ás 16:00 h. nos exteriores da A.V.C.U. – C.S.C.R. de Beade co concurso de lanzamento de carabuña. Ás 17:30 h. será a quenda da Compañía Asacocirco, que porá en escea Asacocirco Show, un espectáculo para todos os públicos que mestura humor e destreza física a partes iguais, todo con moita técnica, ritmo e poucas verbas onde o espectador se sentirá moi implicado. Unha hora máis tarde, ás 18:30 h., dará comezo o Festival folclórico, protagonizado polo Grupo de baile galego Semente da Arte Galega, Grupo de gaitas Arume e Grupo de pandereitas A volta do Demo.
O Fin de festa, programado para ás 20:00 h. no auditorio do Centro Cultural de Beade, correrá a cargo da Banda de Gaitas Xarabal, formación fundada no ano 1984 por Antón Corral no mítico Obradoiro – Escola de gaitas e zanfonas da Universidade Popular de Vigo, participante no desfile de San Patricio en Nova York no ano 2016 e Vigués Distinguido no ano 2019.
Máis
Hora
3 xuño, 2023 - 4 xuño, 2023 (Todo o día)(GMT+01:00)
Séguenos nas redes