Dapapaja, o podcast nacido en Churruca
O pasado domingo asistimos á gravación do primeiro capítulo do Podcast Dapapaja impulsado por Paula Somoza, coñecida como DJ Rapante, e Juancho Everman. O primeiro capítulo deste programa de carácter quincenal gravouse na sala Kominsky e o vocalista de Rebeliom do Inframundo, Cris Nervo, participou como artista convidado.
Hai algo menos dun ano que Paula e Juancho propuxéronse sumarse a moda dos podcast, unha das poucas facetas que lles quedaba por engadir a súa ‘multidisciplinar’ biografía. Como bos coñecedores da noite viguesa e dos espazos máis underground e subversivos, propoñen un podcast no que reine o humor e no que en cada episodio poidamos achegarnos a alguén ligado á cultura galega . Cris Nervo, vocalista de Rebeliom do Inframundo, foi o primeiro en sentar ante os micrófonos de Dapapaja e someterse ao seu singular cuestionario. Dividido en dúas partes, o programa arranca cunha pequena entrevista e continúa co relato dunha historia da que fan partícipes ao convidado. Ao rematar o público terá que adiviñar se é unha historia real ou inventada.
O primeiro episodio foi gravado na sala Kominsky, pero o programa desprazarase a diferentes locais da cidade que conten con espazo para que asista público en directo. O seguinte episodio será gravado o domingo 24 de marzo no Pub Moch e a viguesa Nadie Gonzalez será a convidada. Ademais, os promotores deste podcast anunciánnos que neste novo programa contarán con música en directo e un colaborador moi especial.