Activistas en apoio aos refuxiados denuncian en Vigo a ilegalidade do acordo entre Turquía e a UE
O 26 de febreiro cúmprense dous anos dende que a Unión Europea e Turquía asinaron o acordo para frear o fluxo migratorio no Mar Exeo. Un acordo que segundo moitos activistas, asociacións e investigadores viola principios básicos do dereito humanitario internacional. Hoxe, na Casa das Artes celébrase un coloquio no que se falará da situación das persoas refuxiadas que aínda están nos campos e, tamén, de aquelas poucas que chegaron ao noso país.
A charla coloquio organizada pola Rede Galega de Apoio as Persoas Refuxiadas contará coa participación de varios activistas que darán a súa visión do que están a vivir as persoas refuxiadas, unha situación agravada tras a firma do acordo europeo-turco. Dende a rede denuncian que este acordo vai en contra dos dereitos humanos recollidos na Carta Internacional de Dereitos Humanos e piden a súa anulación (Aquí podedes ler o manifesto). Esta actividade de denuncia e reflexión celebrarase entre hoxe e o día 24 en diferentes cidades galegas, para rematar o sábado cunha gran concentración a partir das seis da tarde na Farola de Urzáiz.
O acto, que se celebra hoxe ás 18:00 na Casa das Artes, estará dinamizado por catro poñentes. Ernesto G. Maleno, fillo da coñecida activista Elena Maleno e membro de ‘Caminando Fronteras’ falará da situación no Mar Mediterráneo e do ocorrido na traxedia do Tarajal. Pola súa banda, Alessandro Forina, membro de ‘Red solidaria de acogida de Madrid’ explicará como funciona a acollida de persoas refuxiadas no seu concello. Unha visión que podemos contrastar coa da activista Fadila Chami activista da asociación sirio-galega SAWT, que coñece ben a situación que viven as persoas refuxiadas que chegaron a Galiza. Mentres que en Madrid hai un programa de inserción e acompañamento para que esas persoas se poidan adaptar, en Galiza ese apoio é nulo. De feito, dende a rede denuncian que moitas destas persoas decidiron marchar por atoparse nunha situación de total desamparo. Tamén participará no evento, a iraniana afincada en Vigo Mina Shayan, que como voluntaria en Lesbos dará a súa visión da vida nos campos de refuxiados. Incidirá, especialmente, na situación das mulleres que viven nestes campos que son sometidas, en moitas ocasións, a torturas e violacións.