CAMELIAS MASCOTAS

A exitosa ‘As que limpan’ volve a Vigo para celebrar o 8M

A Concellería de Igualdade vén de presentar a programación completa de actividades para celebrar o 8M, o Día Internacional da Muller. Estes eventos culturais e sociais extenderanse por diferentes puntos da cidade desde o martes 7 ata o sábado 18 de marzo.

REVISTA NOVEMBRO
Imaxe promocional da obra As que limpan | A Panadaría

A programación comeza o martes 7 de marzo cun contacontos de igualdade a cargo de Bea Campos na Praza 8 de marzo, situada na avenida das Camelias. Ao día seguinte teñen lugar os actos de carácter político e social: o pleno específico do Consello Municipal da Muller ás 10:00 e a manifestación ás 20:00, con saída desde Praza España.

O xoves 9 ás 19:00 hai un recital aberto de poesía de xénero con Iolanda Zúñiga na Casa Galega da Cultura, e o venres Mª Paz Filgueira recibe o XI Premio Ernestina Otero no Hotel Coia. Filgueira foi maxistrada titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo desde 2012 ata 2020, e actualmente é maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia de Santiago de Compostela. O sábado arranca cun roteiro feminino a cargo de María Casar que leva por nome Sons de Mulleres. O punto de saída é o Paseo de Alfonso ás 11:00.

Martes e mércores son días de pipocas coas proxeccións de La boda de Rosa, de Iciar Bollain, e Retrato de una mujer en llamas, de Céline Sciamma, respectivamente. Ambas actividades no Auditorio Municipal ás 20:00 e de balde. O prato forte desta programación é a representación de As que limpan, da compañía teatral A Panadaría, o xoves 16 no mesmo auditorio á mesma hora. Unha das obras galegas máis exitosas dos últimos anos que está a recibir unha grande acollida por parte do público tanto galego como do resto do Estado. Para rematar, o grupo compostelán de música tradicional Habelas Hainas actúa no salón de actos do Marco o sábado 18 ás 20:00.