CAMELIAS MASCOTAS

O exercicio como vacina

Os centros deportivos volveron abrir as portas o mes pasado, coa esperanza de non ter que parar outra vez. Estes espazos van máis aló do lecer ou do exercicio ocasional, xa que pretenden fomentar estilos de vida saudables que perduren. Velaquí tres propostas diferentes que teñen como fin o benestar, tanto físico como psicolóxico, especialmente necesario nestes tempos que corren.

Centro de Entrenamiento Personal DGO

Travesía de Vigo, 198 | davidgarciaoterino.com | @centrodgo | 630 66 77 33

As siglas de David García Oterino dan nome a este centro de adestramento situado diante do centro comercial da Travesía. Con só un lustro de vida, este espazo ofrece unha multitude de servizos que podemos resumir en catro piares básicos: adestramento personalizado, coaching, fisioterapia e nutrición. Hai quen aínda non sabe moi ben cal é a definición exacta dun centro de adestramento. «É o máis parecido a un ximnasio de barrio dos de toda a vida, onde o trato é moi familiar, especializado e adaptado a cada persoa», aclara David. O carácter multidisciplinar e, sobre todo, interdisciplinar, resulta básico á hora de contribuír a acadar os obxectivos marcados, xa que «de nada serve ter moita variedade de servizos, se non hai comunicación entre os profesionais das diferentes áreas».

Ao chegar a primavera empezan as présas por baixar de peso: comeza a operación bikini. Aínda que o recomendable é levar un estilo de vida saudable e non depender destas medidas de última hora, David destaca que «o importante é arrancar; hai quen empeza con ganas de cara ao verán e despois mantense todo o ano».

Como a calquera, a pandemia truncou boa parte dos plans deste negocio. Como David é dos que ven o vaso medio cheo, reforzou os servizos en liña, que continúa a ofrecer, e mesmo compartiu gratuitamente exercicios para poder facer na casa, a través da páxina entrenadorpersonalencasa.online. DGO desenvolve na nosa cidade o adestramento personalizado, unha práctica moi habitual nos Estados Unidos que supón unha axuda profesional e cualificada para acadar metas de forma segura e duradeira.

Savia Yoga

Bolivia, 20, 1.º B | saviayogaintegral.com | @saviayogaintegral | 646 28 17 46

A relación de María García co ioga xa vén de vello. Desde hai máis dunha década, esta práctica foi callando nela paseniño. Primeiro como alumna e despois como profesora, incide na importancia de levar esta filosofía alén das aulas: «O ioga é equilibrio físico, emocional e mental; unha actividade espiritual que nos leva ao autocoñecemento». Máis aínda nestes momentos de inseguridade palpable, cando podemos botar man dese equilibrio «que nos permite vivir con plenitude».

María especializouse na práctica do ioga integral que, moi resumidamente, consiste na unión das cinco vías tradicionais: bhakti, hatha, jnana, karma e raja. O obxectivo é que o ioga non se limite a quedar na esteira. Desta forma, os 90 minutos de cada clase son ben variados: «Comezamos cunha activación; seguimos co suryanamaskar, o saúdo ao sol; despois, unha secuencia de posturas combinadas coa respiración e unha táboa cunha ducia de asanas, que son as posturas conscientes; a clase remata con exercicios de relaxación, respiración consciente (pranayama) e meditación».

Durante o confinamento, ofrecéronse estas aulas de modo virtual, opción que aínda se mantén, pero para María a presencialidade é prioritaria. Na súa opinión, «a constancia é esencial no ioga, por iso recomendamos practicar todos os días, aínda que sexan uns poucos minutos». Estas prácticas persoais reciben o nome de sādhanas. Con elas búscase alcanzar o benestar físico, emocional e mental, «para que a paz que todos levamos dentro agrome nas nosas vidas de maneira espontánea».

Vigoentrena

Celso Emilio Ferreiro, 7 | vigoentrena.es | @vigoentrena | 886 11 14 81

Ao pé do Castro atopamos Vigoentrena, un centro de adestramento que naceu como club de running no 2012. Dous anos máis tarde adquiriron un ximnasio e o proxecto seguiu a medrar. Na actualidade son referencia xa non só no de correr, senón en adestramento para embarazadas, recuperación tras o parto e mulleres diagnosticadas con cancro de mama.

REVISTA NOVEMBRO

Está demostrado que facer exercicio con asiduidade achega reservas inmunolóxicas, masa muscular e mellora a calidade de vida. Ten efecto analxésico e antidepresivo e, como indica o confundador do centro Jorge Torres, «sen efectos secundarios, a diferenza dos medicamentos». Ademais de ser beneficioso a nivel particular, tamén o é a nivel social: «O exercicio físico reduce moito os gastos sanitarios e os períodos de intervención», algo de especial relevancia hoxe.

Vigoentrena fai gala dun amplo abano de posibilidades: adestramentos completos, individuais ou en grupo; corredores de carreiras e marchas, exercicios especializados para persoas con problemas lumbares, preparación de oposicións… Tamén teñen un programa especializado na recuperación xeonllos lesionados, con adestramentos específicos antes e despois da cirurxía. Pero sobre todo buscan especializarse en disciplinas que moi poucos centros ofrecen: «No eido feminino seguimos incorporando novas metodoloxías ao tempo que avanza a investigación científica no ámbito do exercicio», comenta Jorge, quen engade que a súa socia Bea Crispín é unha profesional da materia de referencia en toda Galicia.

[Este artigo foi publicado na revista A movida demarzo 2021 . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.