Carmelo Gómez, Melani Olivares e Pepón Nieto estarán na nova tempada de teatro do García Barbón
Afundación acaba de anunciar as obras que formarán parte da nova tempada de teatro entre setembro e decembro. Polo escenario do García Barbón pasarán actores da talla de Melani Olivares, Carmelo Gómez, Gorka Otxoa ou Pepón Nieto. Os abonos poranse á venda o vindeiro xoves.
Abrirá a tempada ‘Todas las noches de un día’, de Alberto Conejero e interpretada por Carmelo Gómez e Ana Torrent, o día 28 de setembro ás 20.30 h. A seguinte obra será ‘Burundanga’, de Jordi Galcerán, produción que chega ao Teatro Afundación de Vigo tras oito tempadas de éxito en Madrid. Eloy Arenas, César Camino, Bart Santana, Ariana Bruguera, Rebeka Brik e Fran Nortes sairán a escena o 7 de outubro ás 20.00 h. O 8 de novembro, a partir das 20.30 h, poderase ver ‘Juntos’, obra de Fabio Marra e interpretada por Kiti Mánver, Melani Olivares, Gorka Otxoa e Inés Sánchez que retrata diferentes relacións familiares con moito humor. ‘Estado de graza’, de Eduardo Alonso, será a seguinte obra incluída no cartel desta tempada. Luma Gómez, Imma Antonio, Manuela Varela e Nini True presentarán esta reflexión sobre o choque xeracional o 22 de novembro ás 20.30 h. Finalmente, pechará esta tempada ‘La culpa’, de David Mamet e interpretada por Pepón Nieto, Magüi Mira, Miguel Hermoso e Ana Fernández. Será o 16 de decembro a partir das 19.30 h.
Os abonos estarán dispoñibles do 14 de xuño ao 4 de setembro e as adquisicións poderanse realizar no teléfono 902 504 500 ou na web Ataquilla. Os abonos supoñen un 20 % de desconto con respecto ao prezo do billete individual.