CAMELIAS MASCOTAS

Semilla para el Cambio organiza unha cea solidaria para conmemorar o Día Contra o Traballo Infantil

Para conmemorar o Día Contra o Traballo Infantil, a ONG Semilla para el Cambio ten preparada en Vigo unha velada moi especial: cea, espectáculo de Bollywood e a exposición ‘Ilustraciones Solidarias’. Unha acción coa que pretenden dar visibilidade ao seu traballo en India e recadar fondos para o proxecto ‘Con M de Mujer’.

REVISTA NOVEMBRO

Unha clase de alfabetización no centro educativo de Sigra. | Foto de Andrea Forcada

O vindeiro venres 8 de xuño, Dia Internacional Contra o Traballo Infantil, a ONG Semilla para el Cambio organiza unha cea solidaria en Vigo para apoiar os proxectos de cooperación que están a desenvolver en Varanasi (India). A cea terá lugar a partir das 21:30 no Sifón Urban Coffee Bar e terá un prezo de 20 €. Os asistentes a cea poderán gozar do espectáculo de danza Bollywood a cargo da Escola de danza Unidance e tamén da exposición ‘Ilustraciones Solidarias’, composta por obras de nove ilustradores do panorama nacional. Todas as imaxes teñen como temática central a muller e posteriormente serán postas a venda a favor da asociación.

Todos os beneficios que a ONG recade con esta acción irán destinados á campaña ‘Con M de Mujer’, unha iniciativa que pretende reforzar e estender os proxectos de empoderamento da muller que Semilla está a levar a cabo nos slums de Sigra. O empoderamento da muller é un dos eixos de traballo de Semilla en India. Dende 2011 traballan coas mulleres dos slums, ofrecéndolles ferramentas para que gañen independencia e melloren o seu papel dentro da familia, da comunidade e que teñan máis posibilidades laborais.

O aforo é limitado polo que para asistir ao evento é preciso reservar mediante email a vigo@semillaparaelcambio.org Se non podes participar da cea pero queres colaborar coa iniciativa, dende a ONG propoñen a opción de ‘Mesa 0’, unha achega solidaria de 10 € que se pode facer a través da web www.regalossolidarios.org.es.