CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Un mes cheo de gargalladas e teatro no Festival Comediártiko

A sala Ártika de Vigo acolle a la quinta edición do ciclo de comedia Comediártiko. Do 19 de outubro ao 25 de novembro a sla situada en Beiramar acolle diversas citas humorísticas para todos os gustos.  Nesta ocasión o cartel completo fórmano os espectáculos Paella da compañía Tarambana (Madrid), Neura de De Ste Xeito Producións, Charco a la vista de Compañía Utopian (Euskadi) , As que limpan de A panadaría (Galicia), ¿Y ahora qué? dos andaluces Producciones circulares e a estrea da nova obra de Ártika Cia Non pasarán. Preme aquí para mercar as túas entradas.

Paella é unha comedia de autor onde o que realmente conta é o feito teatral a través da mestura de linguaxes escénicas, cunha aparente ausencia de trama e unha combinación de temas: igualdade de xénero, conflitos persoais, laborais, culturais, existenciais… Un espectáculo contemporáneo en clave de humor cun pulso trepidante que nos impide baixar do escenario ata que cae o pano.

NEURA é unha comedia que aborda o tema da saúde mental, iso si, con minúsculas. Os nosos protagonistas conviven con teimas propias e alleas. Tentan agochar algunhas, exhiben outras orgullosos, en ocasións búscanlles tratamento, pero sempre sofren por elas. Neura non é unha comedia romántica: Edu e Sonia, xa viviron no pasado a súa historia de amor e desamor que terminou precisamente por mor deses pequenos trastornos. Non son amigos, non son amantes. Son esa categoría difusa á que chamamos ex. Xente da que sabemos ata o seu grupo sanguíneo, pero coa que actuamos como perfectos descoñecidos. Os azares da vida fan que volvan atoparse en distintas circunstancias. Obrigados unha vez máis a poñer a proba a compatibilidade das súas neuras. Con todo, a evolución de cada un por separado, durante estes anos, a través de diferentes terapias e pseudo-terapias fai que se reencontren cunha versión actualizada da persoa á que coñeceron.

Uxue, quere saír despois de chover a dar un paseíño e atópase con charcos por todos os lugares. Como pasea? Ocórrenselle nove formas de non pisar un charco, pero ao mesmo tempo a tentación de pisalos está aí, aí mesmo. Mirar tanto a auga lévalle a pensar tamén nove xeitos de recoller a auga para non desperdiciala. En fin, un día marabillosamente acuático, sobre todo cando Ekaitz aparece coa súa bicicleta e invítaa a pisar… os charcos. Piso o charco ou salto o charco? Di contrariada Uxue. Tomará unha decisión “coa cabeza” como lle din a súa nai e o seu pai: “Pensa coa cabeza Uxue, coa cabeza”.

Os últimos anos Atenea García estivo recollendo historias de vida de mulleres de máis de 80 anos que moitas veces remataban falando de pracer e de sexualidade. A primeira conversa naceu cunha frase: “Vicio houbo sempre, gracias a Dios!” E logo seguíronlle outras tantas: “Eu nacín moi cedo”, “Iso antes non che era así” ou “Ai, se fora hoxe…”. Así as mulleres foron falándolle de todas esas cousas supostamente prohibidas e deixando entrever que aquilo de chegar virxe ao casamento pasaba ás veces pero outras non, que sempre houbo vida nas marxes! Atenea recolleu as súas historias e preséntaas nesta proposta de narración oral para adultas.

Un cartel pendurado no manubrio da habitación. “Por favor, arranxe o cuarto”. Ao regreso da praia, as camas feitas, as toallas limpas e o baño impoluto. Son As que limpan, as invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico precarizador. As que limpan fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras. Hai quen nunca limpou un váter e hai quen limpa cincocentos ao mes.

CAMELIAS NADAL

A todos nos gusta o teatro, aínda que quedarse pechado nunha sala durante a noite, pode traer sorpresas. Nestas circunstancias, o espazo transfórmase: o ir e vir do público, dos técnicos ou do persoal da sala e as compañías queda substituído pola escuridade absoluta, as portas pechadas, os ruídos misteriosos e o triscar da madeira do vello escenario. O xa de por si pouco edificante panorama–, é un teatro ou un búnker?, non hai cobertura!– Complícase si, de repente, decátaste de que non estás só. E claro, do susto inicial pasas á incomodidade, e de aí, á constatación de que te ves obrigado a manter unha convivencia forzosa- durante as horas que resten ata o amencer-, cunha completa descoñecida.

Nós, fillos e fillas das democracias forxadas despois da derrota dos fascismos no século XX, procedentes de clases traballadoras que vimos como os nosos pais e nais deixaban a pel por darnos unha educación que nos permitise unha posibilidade de ascenso social, sobrevivintes ás sucesivas crises que nos levaron a poñer en dúbida todo aquel soño dunha sociedade máis igualitaria, podemos observar como nos últimos anos o ascenso de discursos populistas de extrema dereita non deixan de aparecer ao longo do mundo, acadando cotas de poder inimaxinables hai só uns anos. Trump, Bolsonaro, Milei, Meloni…figuras case que semellan saídas dunha sorte de farsa entolecida pero que foron quen de convencer a unha enorme masa de votantes para que os levasen ao poder. O proxecto teatral “Non Pasarán” xorde como unha resposta creativa e comprometida ante os desafíos políticos e sociais do noso tempo. Nun contexto marcado polo rexurdimento de ideoloxías autoritarias e o crecemento de movementos antidemocráticos, esta obra eríxese como un faro de resistencia e conciencia, destinado a iluminar as sombras do pasado e do presente.