REVISTA OUTUBRO

110.000 xoguetes entregados despois, arranca unha nova campaña de ‘Cada neno un xoguete’

Este venres presentouse no Centro Comercial Camelias unha nova edición da coñecida campaña Cada neno un xoguete, que realiza a Asociación Stop desde 2009 e que leva entregados máis de 110.000 xoguetes a familias en risco de pobreza. As doazóns poden realizarse no local situado na rúa García Barbón, 110 e noutros puntos da cidade e da provincia.

Foto de Chris Hardy en Unsplash

Segundo o Instituto Galego de Estatística, o 21% dos menores de 16 anos en Galicia atópanse en risco de pobreza ou exclusión social. Entre os moitos problemas que isto supón, está o de non poder desfrutar da infancia xogando e divertíndose como outros tantos nenos da súa idade. A Asociación Stop, fundada en Vigo en 2009, creou desde os seus inicios a campaña Cada neno un xoguete, que goza de grande recoñecemento na nosa zona.

E non só aquí. A campaña naceu e desenvolveuse principalmente en Vigo e a súa área de influencia, pero ante a gran demanda recibida, nos últimos anos o ámbito xeográfico foise estendendo por toda Galicia, mediante a creación do programa “Xoguetes Viaxeiros”. Calquera entidade ou asociación legalmente constituída pode solicitar o envío de xoguetes, intentando liquidar con imaxinación e esforzo o gasto que supón o transporte. Ademais de Galicia, tamén enviaron xoguetes ás illas Canarias, Senegal ou Siria.

Como explica a organización, dar un xoguete non é un acto de caridade, senón de xenerosidade e esforzo persoal. Esa empatía social fixo que, desde 2019 e ata 2023, a Asociación entregou máis de 110.000 xoguetes a familias en risco de pobreza. O ano pasado batiuse o récord de doazóns, con 21.287 xoguetes. Segundo os cálculos de Stop, máis de 4000 familias e 8000 nenos e nenas beneficiáronse deta campaña.