Música no Claustro propón sete concertos gratuítos na Catedral de Tui
Música no Claustro é un festival de música, patrimonio e creación que se celebra na Catedral de Tui do1 ao 7 de agosto. A entrada a todos os concertos, protagonizados por artistas de diferentes nacionalidades, é libre e gratuíta. Preme no título de cada actividade para obter máis información.
XOVES 1.AGO. 21H – LULA PENA. PORTUGAL.
A cantora portuguesa Lula Pena abre Música no Claustro 24 cun concerto no que revisita o seu disco Archivo Pittoresco, un traballo no que explora diferentes linguas atlánticas como o inglés, o francés, o castelán e o portugués, a súa lingua nai.
VENRES 2.AGO. 21H – LAURA MARCHAL, CON VÍCTOR FRANCO E JESÚS CAMPOS. ANDALUCÍA.
Música no Claustro acolle o debut en Galicia da cantaora Laura Marchal, quen presenta no festival un adianto do seu primeiro traballo discográfico que ten por single o tango flamenco Aceitunitas negras, unha homenaxe ao campo e as súas xentes, persoas que en diversos momentos emigraron á cidade en busca dunha oportunidade laboral. Reflexión e compromiso dun reto demográfico que tanto a Andalucía e Galicia interior e atlántica coñecen de primeira man.
SÁBADO 3.AGO. 21H – FAIA, CON BLEUENN LE FRIEC. GALICIA.
A artista galega Faia regresa a Música no Claustro xunto coa arpista bretoa Bleuenn Le Friec, cunha proposta específica deseñada para o festival, a medio camiño entre o anterior traballo e o que será o seu próximo disco. Arrolos, romances e outras cantigas tradicionais coas que quere dar luz ao universo silenciado da maternidade. Unha mirada feminista que reivindica o desexo, a forza do pracer, o contacto máis esencial co corpo e coa natureza propia.
DOMINGO 4.AGO. 21H – TANA SANTANA QUINTETO. ENTRE CANARIAS E GALICIA.
O compositor e contrabaixista canario Tana Santana presenta en Música no Claustro o disco HIRU, o seu terceiro traballo discográfico. Composicións orixinais que canalizan a tradición e a improvisación do jazz a través de músicas tan dispares como o propio jazz, o rock, o pop ou a música folclórica canaria. En HIRU, Tana Santana desenvolve un concepto musical que trata de esquecer os límites estilísticos co obxectivo de buscar unha identidade que redefina o jazz dende o prisma da cultural popular actual.
LUNS 5.AGO. 21H – TRIO DA KALI. MALI.
Música no Claustro acolle o primeiro concerto do novo disco do Trio da Kali, unha publicación baixo a produción de Lucy Durán que sairá ao mercado a finais de 2024 en Remote Records. Hawa Kasse Mady Diabaté, Fodé Lassana Diabaté e Madou Kouyaté proveñen de célebres familias griots e creceron na profunda tradición cultural que se remonta á era precolonial do gran imperio de Mali. Con esta bagaxe natural, o Trio da Kali busca o equilibrio entre a antiga tradición, que é transmitida de forma oral de xeración a xeración dende os séculos XII e XIII, coa introdución de novos elementos e cancións no seu repertorio e estilo.
MARTES, 6 AGO. – RESONANCIAS, FORO DE INSTRUMENTOS MUSICAIS. ACTIVIDADE PROFESIONAL CON INSCRICIÓN
O festival Música no Claustro® convoca o martes 6 de agosto, na Catedral de Tui, a cuarta edición do foro profesional de instrumentos musicais RESONANCIAS®. Coma principais novidades, destaca a convocatoria dunha mesa redonda participativa Encontro de Encontros co obxectivo de mapear e coñecer a realidade e proxección dos eventos vencellados aos instrumentos musicais en Galicia ou outros puntos da península Ibérica para convivir nun ecosistema cultural e propiciar sinerxías de futuro, e a organización dun showroom de instrumentos musicais. Para ambas actividades convócase á participación de profesionais da construción dos instrumentos musicais, da xestión cultural, así como a músicas e músicos que queiran coñecer as novidades máis recentes dos luthieres participantes.
MARTES 6.AGO. 21H – PEDRO LAMAS, CON GERMÁN DÍAZ E ROMERO CIENFUEGOS. GALICIA.
Este concerto é o resultado dunha investigación e residencia artística do compositor, gaiteiro e saxofonista Pedro Lamas en Música no Claustro 24. Un proxecto creado para a ocasión que abraza as tres liñas principais do festival: música, patrimonio e creación. Ao carón de Lamas, participan neste concerto o contrabaixista Antonio Romero Cienfuegos e o zanfonista Germán Díaz, quen xa nos deixou marabillosos momentos no claustro da Catedral de Tui co seu Método cardiofónico ou a estrea das 13 CANCIÓNS BONITAS xunto a Benxamín Otero. Hoxe, Lamas, Díaz e Romero Cienfuegos revisitan e reintepretan, dende a súa óptica actual e persoal, o artigo “The Music of Spanish Galicia” do hispanista británico John B. Trend.
MÉRCORES 7.AGO. 21H – MOSER STRING QUARTET. SUIZA
Música no Claustro 24 remata ao carón do Moser String Quartet, unha formación de música de cámara cunha proxección internacional pese a xuventude das súas integrantes. Teñen actuado nos continentes europeo, americano e asiático, e recibido diversos recoñecementos, nos que destaca o Premio Especial “Ambassador Ensemble” do Osaka International Chamber Music Competition en 2023, ao que se une na presente tempada a residencia artística no ProQuartet Centre Européen de Musique de Chambre en París ou a xira AIE Clásicos no estado español a través da que chegan á Catedral de Tui.
5, 6 E 7 AGOSTO ▪︎◼︎ OBRADOIROS DE ARTESANÍA EN FAMILIA.
Artesanía en Familia son obradoiros deseñados para que as familias participen xuntas en actividades artesanais. Isto non só axuda a fomentar a corresponsabilidade e a igualdade de xénero, senón que tamén permite ás familias gozar de tempo de calidade e desenvolver novas habilidades.