CAMELIAS MASCOTAS

Terraceo de verdade

Nestes catro establecementos o teito e o ceo. Estas son algunhas das terrazas con mellores vistas para desfrutar de Vigo ao sol, con opcións que van desde a mañá ata a noite, cartas apetecibles, música en directo e cócteis ao solpor.

Albatros

Sen saír da zona urbana, este local ofrece unha das mellores vistas da cidade. Situado na Estación Marítima, a súa ampla terraza non encontra obstáculo entre a ría e os comensais, e as vistas abranguen desde as illas Cíes ata a ponte de Rande. Se ben a localización entra facilmente polos ollos, as opcións culinarias non quedan atrás. O restaurante dispón dunha carta fixa e mais un menú executivo que cambia cada semana. En ambos os dous casos atopamos pratos elaborados con materias primas frescas, produtos do mercado local e elaboracións que conxugan diversas cociñas internacionais coa mellor tradición galega. O máis destacado son os pratos de peixe e os arroces. O polbo á grella, o bacallau en tempura, o arroz da casa e a fideuá de chocos de Redondela son algúns dos pratos estelares deste local con nome de ave mariña.

Peirao de Transatlánticos (Estación Marítima) | @albatrosvigo | albatrosvigo.com | 986 43 71 62

Chiringuito ETEA

Ao pé dos impoñentes edificios abandonados da antiga Escola de Transmisión e Electricidade da Armada (ETEA), a un paso da ría, atopamos unha caseta con ampla terraza fronte a enseada de Teis que recolle o nome da devandita institución militar. Os atractivos para nos achegar ata aquí son varios. Por unha banda, estamos nunha contorna natural, afastada do tráfico, á sombra do monte da Guía e con acceso directo ás praias da Punta e de Ríos. A zona foi obxecto de varias remodelacións recentes que a dotaron dunha grande área recreativa con bancos, fontes, parque infantil, pista de patinaxe e unha senda de paseo, polo que é un lugar axeitado para acudir en familia. Ademais de servir bebidas, este lugar converteuse nun punto de encontro popular entre os amantes da música ao vivo e as postas de sol espectaculares. Cunha programación que se anuncia quincenalmente no perfil de Instagram do local, todos os sábados e domingos e algún venres podemos gozar dun solpor musicado por bandas galegas.

Avenida da Mariña Española | @chiringuito_etea

Hotel Maroa

Moitos estaremos de acordo en que a mellor parte de espertar nun hotel é o bufete do almorzo. Pois este céntrico establecemento ofrece a posibilidade de gozar da primeira comida do día necesidade de aloxamento, tanto na súa cafetería acristalada como na terraza, as dúas situadas no sexto andar do edificio, con vistas aos xardíns de Montero Ríos e á nosa marabillosa ría. Tamén cabe a opción de degustar un brunch para grupos de dez ou máis persoas. Alén das mañás, a terraza está aberta durante todo o día, sendo idónea para tomar un vermú entre amigos, merendar, ou quedar para relaxarnos despois da xornada laboral, cóctel en man e co mar como pano de fondo, contando cunha pequena carta de bocadillos, embutidos e tapas. Pódese reservar unha parte do espazo para facer unha celebración privada, encargando as bebidas e os petiscos; un emprazamento bonito e tranquilo para celebrar un aniversario, unha prevoda ou unha xubilación. Para desfrutar de calquera destas opcións é aconsellable chamar e reservar con antelación indicando que plan temos neste encantador hotel.

Rúa de Pablo Morillo, 6 | 986 43 89 22 | @maroahotel

REVISTA NOVEMBRO

Lagareta by Aurora

Lonxe do alboroto da zona céntrica da cidade, atopamos un restaurante con cafetería, xardín e un espazo para eventos con moito verde, nunha espectacular localización próxima a unha zona de praias. A cociña abre durante todo o día e a carta cambia segundo á hora á que nos acheguemos. Aquí hai opcións de almorzo e merenda elaboradas para os máis larpeiros, como panqueiques con Nutella ou bagels de salmón afumado, e unha completa carta con pratos que serven tanto para unha cea informal como unha ocasión especial. O arroz con peixe sapo e lagostino, o polbo ou as hamburguesas son algunhas das recomendacións do menú. O principal atractivo do local é o amplísimo xardín, con varias terrazas e piscina, desde o que podemos mirar as illas Cíes. A agradable decoración e os recunchos verdes fan que este sexa un espazo apto para diversas ocasións: tomar uns petiscos con amigos, pasar a tarde con nenos ou relaxarse tomando un cóctel ao solpor.

Estrada de Camposancos, 347 | @lagareta_by | 627 48 50 78