CAMELIAS MASCOTAS

The Wild Fest desvela un cartel encabezado por Julián Maeso e Dakidarría

The Wild Fest volve a San Miguel de Oia por sexto ano repetindo a súa fórmula gañadora: un entorno natural privilexiado con vistas á ría e unha oferta musical coidada, que aposta polo xénero rock e as bandas españolas e galegas. O festival contará coas actuacións de Julián Maeso, Dakidarría, Moura e Moonshine Wagon o sábado 31 de agosto e pon á venda as entradas a través da súa web.

Arriba: Julián Maeso e Dakidarría; abaixo: Moura e Moonshine Wagon | Cedidas

Xa van seis anos desde que The Wild Fest chegou ao Parque Forestal de San Miguel de Oia e, como tempo, alzouse como un dos festivais de referencia de Vigo e a súa contorna. A variedade da súa programación, o ambiente familiar, a calidade dos artistas programados e a beleza da localización son algunhas das claves do seu asentamento.

Este mércores The Wild Fest desvelou as bandas que actuarán o sábado 31 de agosto, a falta de coñecer ao artista gañador do concurso de bandas Salvaxesons: Julián Maeso, Dakidarría, Moura e Moonshine Wagon son os escollidos para esta sexta edición. Os catro artistas, dous deles galegos e un máis residente en Galicia, son as primeiras bandas anunciadas do cartel de The Wild Fest este ano, no que aínda quedan artistas por confirmar e que tamén contará con sesións vermú, a final do concurso Salvaxesons o venres e actuacións para público familiar.

As entradas xa están á venda desde 15 euros. A partir do 15 de xullo o prezo irá en aumento progresivamente ata os 25 euros. As persoas posuidoras do carné xove terán un 20% de desconto na súa compra. A entrada para o venres e o domingo será de balde.

Julián Maeso é compositor, multiinstrumentista e un dos maiores expertos e virtuosos do teclado en España, o que lle valeu para xirar con artistas como M-Clan ou Quique González. Entre 1999 e 2010 formou parte de The Sunday Drivers, unha das bandas máis salientables do indie rock estatal. Cando a agrupación se disolveu, comezou unha carreira en solitario na que leva editados tres discos: Dreams are Gone, en 2012, One Way Ticket to Saturn, en 2014, y Somewhere Somehow, en 2016. O seu estilo é unha mestura de diferentes músicas de raíz norteamericana: soul, blues, folk, rock… Está afincado desde hai dous anos no Grove, onde rexenta o Frank sin Ancla, un bar no que tamén celebra concertos e ten un museo de teclados.

REVISTA NOVEMBRO

Dakidarría son a banda de referencia do ska, punk e reggae en Galicia. Fundáronse no 2003 no Val Miñor e axiña se fixeron coñecidos polas súas revolucionarias letras, algunhas comvertidas en himnos como “Terra”. A agrupación musical retoma a estrada neste 2024 para descargar en cada escenario a emoción, a enerxía e a adrenalina que se desprende en XX o seu novo disco, gravado en directo. Os seus concertos son garantía de festa encima e debaixo do escenario.

Moura é unha das propostas musicais galegas máis interesantes dos últimos anos. O seu son único, a medio camiño entre o rock progresivo, stoner, psicodelia e folclore autóctono, valeulles unha grande acollida entre o público e a prensa especializada, mesmo a nivel internacional. Ata a data publicaron os discos Moura, en 2020, Axexan, espreitan, en 2022, e o EP Fume santo de loureiro, en 2024, nos que demostraron, malia a fidelidade ao seu estilo, unha evolución constante e un forte arraigamento a Galicia e á súa memoria popular.  

Por último, os vascos Moonshine Wagon recalarán de novo no Parque Forestal de San Miguel de Oia coa súa caravana, que leva percorridos miles de quilómetros por Europa e América adiante. Despois de sorprender ao público na edición de 2022, o cuarteto de barbudos volve co seu particular estilo, que parte do bluegrass estadounidense pero con actitude punk. Algo así como os Sex Pistols, pero con banjo, contrabaixo e mandolina. Catro discos e máis de 1000 concertos por numerosos países avalan a traxectoria do grupo vitoriano.