Ed Sheeran, Maná e Queens of the Stone Age encabezan a 2ª edición do Gozo Festival
Polo momento seis datas conforman a segunda edición do Gozo Festival, un ciclo de concertos que trae a mellor música a internacional a diferentes puntos de Galicia. Ed Sheeran, Maná, Queens of the Stone Age, Loreena McKennitt, The Warning ou Armin Van Burren son algúns dos nomes máis destacados.
Se o pasado ano foron Robbie Williams, Robert Plant, Zaz e Nils Frahm, entre outros, os que actuaron en Galicia da man do Gozo Festival, esta segunda edición tamén chega cargada de grandes nomes da música internacional. As mexicanas The Warning abrirán a programación o próximo 6 de abril na sala Capitol de Santiago de Compostela. Tras xirar con Muse, Guns N’ Roses ou Foo Fighters, as tres irmás convertéronse nunha das grandes sensacións do momento na escena rock, e estréanse nos escenarios galegos dispostas a poñer a Capitol patas para arriba co seu poderoso directo.
Non serán as únicas rockeiras desta edición de O Gozo Festival. Un grupo de culto como Queens of the Stone Age chegan o próximo 18 de xuño ao Coliseum da Coruña para tocar tamén por primeira vez en Galicia. A aclamada banda liderada por Josh Homme e considerada polo mismísimo Dave Grohl (Foo Fighters, Nirvana) como “a mellor banda de rock do mundo” presentará o seu flamante último álbum In Times New Roman (2023), e repasará unha carreira infestada de himnos como ‘No One Knows’, ‘Make It Wit Chu’, ‘Go With The Flow’ ou ‘I Sat By The Ocean’, entre outros.
Pouco despois será a quenda dos máximos expoñentes do pop rock latino. Maná aterrarán o 27 de xuño no Coliseum da Coruña. A expectación que espertou a visita dos mexicanos é tal que as entradas para velos esgotáronse en menos de 24 horas. A súa última visita a Galicia foi en 2018, precisamente no auditorio de Castrelos.
O 6 de xullo é sen dúbida un dos días grandes do festival. O Monte do Gozo acolle ao británico Ed Sheeran, un dos artistas máis escoitados do planeta, acompañado da colombianos Bomba Estéreo, os alemáns Milky Chance e as viguesas Fillas de Cassandra como unha das propostas máis interesantes da escena galega actual. Un cartel que aínda garda algunha sorpresa por desvelar.
A cantante e compositora canadense Loreena McKennitt celebrará o 10 de xullo no Auditorio Mar de Vigo os 30 anos do icónico álbum The Mask and The Mirror. Un concerto moi especial onde a lenda da música celta, que sempre cita Galicia e a súa tradición musical como un referente, repasará un traballo que incluía unha canción inspirada na capital galega, ‘Santiago’.
O 13 de xullo será a quenda para todos os amantes da electrónica e o baile. O Monte do Gozo reunirá en Santiago de Compostela e nunha soa noite a varios dos mellores DJ do mundo, con lendas como Armin Van Buuren, Marshmello, Timmy Trumpet, Hardwell, Claptone e moitos máis.