CAMELIAS MASCOTAS

Colexio Montesol

O Colexio Montesol foi fundado en 1982 e atópase en pleno corazón do barrio de Coia. É un centro concertado con Infantil, Primaria e Secundaria con xornada continuada de mañá. Ofrece comedor con cociña propia, aula matinal e actividades extraescolares de tarde.

O Colexio Montesol é centro plurilingüe onde os idiomas son un dos eixos presentes na vida escolar, implementando o uso das linguas estranxeiras en todas as actividades da vida colexial. Dispón de auxiliar de conversación en inglés, e é centro colaborador de Cambridge Examinations for Schools.

Na etapa de Infantil, o centro desenvolve diversas metodoloxías pedagóxicas que se adaptan ás necesidades e características dos seus alumnos. Estimulación Temperá, Aprendizaxe Cooperativa, a Aprendizaxe por Xogo e o Traballo por Proxectos son algunhas das metodoloxías chave e os alicerces do seu Proxecto Educativo nesta etapa. Estas metodoloxías promoven unha aprendizaxe activa, significativo e colaborativo, preparando aos alumnos para o seu desenvolvemento integral e cultivando o seu amor pola aprendizaxe.

O colexio Montesol prézase de ser un centro próximo e familiar e no que o Departamento de Orientación ten un peso fundamental na vida escolar, prestando especial atención e coidado ao alumnado con necesidades educativas especiais. Ademais, coa Educación en Valores como eixo fundamental e a través do ‘Grupo de Rede Solidaria’, o centro colabora co Banco de Alimentos e participa en diferentes campañas solidarias.

Outro dos eixos sobre os que se sustenta a actividade do colexio é a educación ambiental. O programa Voz Natura serve de fío condutor a todas as actividades relacionadas coa natureza, tendo o horto escolar como epicentro desta parte do seu proxecto, pero desenvolvendo tamén actividades na contorna, como a plantación de árbores ou a recollida de plásticos nas praias do noso litoral.

O programa Meteoescolas, en colaboración con Meteogalicia, ou o programa Salvavidas en colaboración con ADOS (Axencia de Doazón de Órganos e Sangue) cuxos traballos se poden ver expostos no Hospital Álvaro Cunqueiro, son algúns dos proxectos que facilitan o traballo de elementos do currículo de forma transversal, dándolle gran protagonismo á educación en valores e o coidado da contorna e o medio natural. Na área de Matemáticas implantan de maneira progresiva unha orientación metodolóxica manipulativa utilizando recursos visuais que axuden á comprensión e adquisición dos conceptos matemáticos.

A medida que o alumnado crece, o Proxecto Educativo adáptase ás súas necesidades, e é por iso que o centro implantou un ambicioso proxecto de dixitalización: as AulasRTC (Reinvent the Classroom). Este proxecto levou ao colexio a obter a certificación como “Google Reference School”, sendo actualmente o único centro posuidor deste recoñecemento en toda Galicia. Formar parte desta rede de centros de referencia de Google supón alcanzar o máximo nivel en competencia dixital e os máximos estándares en seguridade e uso responsable das novas tecnoloxías.

Desde quinto de primaria até a ESO todo o alumnado traballa con dispositivos persoais Chromebook e o alumnado dispón de acceso a Google Workspace a través dunha conta Education Plus persoal e corporativa xestionada polo centro e que permite o acceso a toda a contorna Google de maneira segura. Lentes de realidade virtual, impresión 3D, pantalla chroma para edición de vídeo, kits de robótica, etc. é só parte da tecnoloxía que se pode atopar na aula RTC do centro. Un proxecto no que a formación do profesorado foi fundamental, e que transforma os espazos para que os alumnos sexan os verdadeiros protagonistas.

REVISTA NOVEMBRO

Plenamente convencidos de que os centros educativos deberían ser o lugar no que a mocidade tivese o seu primeiro contacto coa tecnoloxía, o Proxecto Educativo que o Colexio Montesol propón complementa a educación dixital e os métodos máis innovadores, sen permitir o abuso destes e fomentando a lectura, a escritura e o resto de competencias en todos os cursos e etapas educativas.

Desde o centro valórase enormemente manter un contacto constante coas familias, polo que dispón da plataforma ESEMTIA de comunicación e xestión. A través dela as familias recibirán todo tipo de información: novidades, circulares, menú do comedor, cualificacións, actividades da aula, galerías de fotos, etc.

É un centro, en definitiva, que ofrece ao alumnado a posibilidade de convivir a través da participación nunha gran variedade de actividades e que propicia un ambiente de colaboración entre todos os membros da comunidade educativa, e que soubo adaptarse ao momento actual con metodoloxías innovadoras