A Semente Vigo
A Semente é unha iniciativa social sen fins lucrativos con seis centros educativos espallados pola xeografía galega que poñen o foco en garantir a supervivencia da lingua nas xeracións máis novas, así como no coñecemento da cultura de noso entre as crianzas, para que o galego teña mil primaveras máis.
A Semente Vigo, que cumpriu no 2023 dez anos de existencia, sitúase nunha casa de pedra da rúa Doutor Corbal, 102, no barrio de Teis. Neste baixo, que hai anos foi o bar rexentado por Pilar “Manda Truco”, hai unha morea de nenas e nenos en idade infantil que pasan o seu tempo xogando e aprendendo en lingua galega. Conta cun espazo-aula interior, organizado por recantos, e un espazo exterior cun patio para xogar ao aire libre e unha horta.
A Semente funciona como espazo de protección da lingua e a tradición cultural galega, que naceu para evitar un fenómeno moi habitual: as crianzas galegofalantes deixan de selo unha vez que se incorporan ao sistema educativo. É por iso que a Semente recibe nenos e nenas non só de Vigo, mais tamén dos concellos da contorna.
Ademais da conservación e consolidación do idioma, hai outros principios na base do proxecto que rexen a vida na Semente. O asemblearismo e a necesidade de tomar decisións por consenso son un dos seus piares, xunto coa coeducación feminista, a interacción coa natureza e o respecto polo medio ambiente, a sinerxía co barrio e o laicismo.
Entre 15 e 20 nenas e nenos de entre tres e seis anos e dúas educadoras comezan a xornada cantando e reuníndose no recanto da asemblea, o momento do día no que aprenden palabras novas (relacionadas, por exemplo, co Entroido ou as froitas de outono), resolven posibles problemas e crean lazos entre os membros do grupo. Tamén conta cun recanto para a lóxica-matemática e outro para a expresión plástica, ademais do da música, da lectura, das experiencias sensoriais e o movemento, transformando a Semente Vigo nun espazo vivo, alegre, divertido, creativo e acolledor.
As educadoras responsables do espazo suxiren actividades e facilitan as relacións entre compañeiras, sen importar a idade, mais son as crianzas as que deciden como queren empregar o seu tempo de xogo, respectando os tempos e intereses de cada unha. Na Semente non se traballa con fichas e tampouco hai castigos, nin sequera premios.
Disponse de servizo de comedor e ofértanse diferentes actividades extraescolares polas tardes, tanto para pequenos como para grandes (nestes momentos hai aulas de pandeireta e karate). No Nadal, na Semana Santa e no verán organízanse campamentos urbanos. Ao longo de todo o ano lévanse a cabo moitos tipos de actividades, tanto ao aire libre como no local, abertas a todo o mundo, como obradoiros, contacontos e outros espectáculos infantís, e festas e xuntanzas ao aire libre.
O barrio de Teis é un auténtico tesouro para desenvolver todo tipo de actividades en idade infantil e as educadoras a cargo do grupo saben aproveitar ben os recursos que ofrece: o monte da Guía, a praia da Punta, o pavillón e a cociña da OMD, o mercado, o barrio das Flores… A integración na vida do barrio e na comunidade é fundamental no día a día da Semente e realízanse a miúdo saídas polas rúas de Teis. Pero, sobre todo, a súa situación privilexiada cos espazos naturais mencionados, como a carballeira da Guía e as praias, accesibles a pé desde o centro e visitados con regularidade, permite que se convertan en verdadeiras extensións da aula e escenarios de aprendizaxe únicos en contacto directo co medio natural.
Detrás da Semente Vigo hai unha asociación sen ánimo de lucro que cre firmemente na importancia de dispor de espazos para a etapa infantil onde se respecte e coide a lingua galega. Nestes momentos, ademais, búscase local para poder ampliar a súa oferta educativa máis alá do período preescolar. Tanto na cidade coma fóra dela, hai moitas familias interesadas en manter a lingua galega nas súas crianzas e tamén procurando un estilo educativo respectuoso e acorde cos tempos. Se pensas que o que se fai na Semente vale a pena, visita a páxina web para te faceres socio ou para te informares sobre as súas actividades.
As portas da Semente Vigo están abertas durante todo o ano para quen queira achegarse a coñecer o proxecto dende dentro, así como para participar en calquera das actividades que se organizan: campamentos nas vacacións, actuacións, obradoiros, festas e ruadas… Calquera persoa que estea interesada neste proxecto e queira visitar o centro, que queira colaborar ou que coñeza locais dispoñibles, pode poñerse en contacto directamente no correo electrónico vigo@semente.gal.