O Galician Freaky Film Festival abre a recepción de filmes para a súa próxima edición
Desde o 24 de xaneiro ata o 10 de xuño o Galician Freaky Film Festival, o festival de cinema máis gamberro e divertido de Galicia, abre os buzóns para a recepción de filmes que formarán parte da súa oitava edición, que se celebrará os días 20 e 21 e do 25 ao 28 de setembro.
No 2023, o Galician Freaky Film Festival recibiu preto de 600 filmes dos cinco continentes, cos que construíu unha abraiante escolma do máis destacado do audiovisual freak mundial máis recente. Agora, desde o 24 de xaneiro ata o 10 de xuño, o festival de cinema máis gamberro e divertido de Galicia abre os buzóns para a recepción de filmes que formarán parte da súa oitava edición. A inscrición pode realizarse a través da plataforma Click for Festivals, ou de xeito gratuíto a través do formulario dispoñible na súa web.
A convocatoria que lanza o Galician Freaky Film Festival cada ano está aberta á participación de cineastas profesionais ou afeccionados de calquera parte do mundo, sen límite de traballos por autor, sempre e cando foran producidos en 2022 ou despois. Só se admitien curtametraxes, que deben ter unha duración máxima de 30 minutos e encaixar nalgún dos estilos do festival: terror, fantasía, ciencia ficción, comedia ou freak.
Tamén poderán presentarse filmes dirixidos a público infantil e familiar que queiran formar parte do Pequefreak, a xornada que, desde hai tres anos, o certame dedica en exclusiva a mergullar o público miúdo na cultura freak e infundir a paixón pola sétima arte nas xeracións máis novas.
Os filmes seleccionados pasarán a formar parte da sección oficial da oitava edición do Galician Freaky Film Festival, que se celebrará os días 20 e 21 e do 25 ao 28 de setembro, e optarán a algún dos 8 premios que o certame reparte, outorgados polo público e por un xurado especializado. Novamente, os gañadores das tres categorías máis destacadas do certame (Gran Premio GFFF á curtametraxe máis freak, Premio Olimpo dos Freaks á curtametraxe máis aplaudida e Premio Olimpo dos Pequefreaks á mellor curta cativa) recibirán un premio en metálico de 250€, ademáis da carismática estatuíña do Dinoseto decapitado.
Oito anos de frikismo
O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Desde hai oito anos trae á cidade olívica unha coidada selección nacional e internacional de curtametraxes de xénero. Pezas moitas veces inéditas en Galicia e España, só desfrutables nalgúns dos mellores festivais do mundo.
Unha abraiante selección de obras, unha coidada programación de actividades paralelas e un ambiente único fan que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan a Vigo para gozar do GFFF, unha experiencia que vai alén do cinematográfico e que se converte nunha auténtica experiencia de comunidade.