CAMELIAS MASCOTAS

Onde ver as Perseidas en Vigo?

As perseidas, tamén coñecidas como bágoas de San Lourenzo por ser o 10 de agosto esta festividade relixiosa, é unha prolífica chuvia de estrelas que ten o seu punto álxido entre o 11 e o 13 de agosto. Realmente, o que vemos son os restos volatilizados do cometa Swift-Tuttle, que está na órbita arredor do sol. Malia a contaminación lumínca, é posible visualizalas afastándose un pouco do núcleo urbano.

Fotomontaxe: Vistas desde o Monte Alba | P. Vázquez

Estes días será posible visualizar as perseidas nalgunhas das zonas elevadas que circundan Vigo, como o monte Alba, o Piricoto do Vilar, o Galiñeiro, o Galleiro, o Castro de Chandebrito ou o Vixiador. Preto deste último está VigoZoo, que organiza o sábado 12 ás 22:30 unha actividade de observación de estrelas baixo o título de Sábados astronómicos. No centro da cidade, no alto do Castro, se as condicións son as adecuadas tamén é posible divisar as famosas bágoas.

Todo isto, claro, se a climatoloxía o permite. Polo momento as previsións meteorolóxicas non anuncian chuvias para a fin de semana, pero si nubes o venres e o domingo pola noite, o que podería dificultar a observación celeste. Por sorte, prevese que o pico de máxima actividade será o sábado 12 pola noite, en principio o día máis despexado. Ademais, a lúa decrecente tamén axudará a que os meteoros sexan máis visibles.

REVISTA NOVEMBRO

Bágoas de San Lourenzo desde o mar

Como é habitual nestas datas, as navieiras ofrecen os seus servizos para afastarse un chisco da contaminación lumínica da cidade e poder observar con maior claridade o ceo. A Naviera Nabia oferta este servizo, xunto cos comentarios dun astrónomo, os días 11, 13 e 14 de agosto con saídas desde Vigo (22:00 e 22:15) e Cangas (21:30). O punto de observación serán as augas das illas Cíes ou na ensenada de San Simón, onde as condicións sexan mellores. O prezo é de 27€ para adultos, 15€ para nenos entre 4 e 12 anos e gratis para os menores desa idade.

Mar de Ons tamén conta cun servizo especial para esta fin de semana. A navieira organiza experiencias Starlight os días 11, 12, 13 e 14 de agosto desde os portos de Vigo (23:00), Cangas (22:30), Sanxenxo (22:30) e Portonovo (22:45). A duración aproximada é de tres horas é o prezo é de 25,50€ para adultos, 10€ para nenos entre 3 e 12 anos e gratis para os menores desa idade.

Fotomontaxe: Pasaxieros onservando as estrelas desde o barco | P. Vázquez