CAMELIAS MASCOTAS

O Primavera do cine volve apostando pola calidade e o cine galego e lusófono

O luns comezan as actividades enmarcadas dentro do Primavera do Cine, que nesta nova edición reafirma a súa aposta polo cine galego e lusófono. Inclúe un ciclo de cine brasileiro, cinema ao aire libre e unha master class do director vigués Álvaro Gago.

Esta mañá presentouse no Concello de Vigo a VII edición do Festival Primavera do Cine que chega subindo a calidade das cintas e apostando polo cine galego e lusófono. Nesta sétima edición, exhibiranse en total 33 curtametraxes e 16 longametraxes que terán como sedes principais o Auditorio do Concello de Vigo, o Instituto Camões, e o MARCO, espazos onde tamén se poderán adquirir as entradas.

Juan de Castro, director do festival, quixo destacar unha das grandes bazas desta nova edición: a calidade das cintas.  Así, o director do evento afirmou que, ademais do gran peso que terá Brasil, este ano fíxose “unha aposta máis clara polo nivel dos filmes a exhibir”.

Os actos relacionados co certame comezarán o día 30 de abril cunha Mostra de Cine Brasileiro, unha actividade que se fixo posible grazas a colaboración coa Embaixada de Brasil, a Fundación Cultural Hispano Brasileña e o Ateneo Atlántico. Nela, a organización do festival buscará dar visibilidade ao cine que se está a facer actualmente no país a través de catro filmes que se proxectarán de balde do 30 de abril ó 3 de maio nos Multicines Norte.

REVISTA NOVEMBRO

Continuando co obxectivo do Primavera de intentar espallar o cine polos diferentes barrios da cidade, o fin de semana do 4 e o 5 de maio chegará a Coia, no campo de fútbol da Avenida Castelao, e a Teis, frente de Vulcano, o documental do director vigués Roi Cagiao: Vigo, 1972. Un filme que foi nomeado aos Mestre Mateo e que se atopa entre as 100 películas españolas máis vistas do ano. A cita, ás 21.30h en ámbolos pases e de balde, pretende aproximar aos veciños e veciñas de Vigo a folga histórica que se viviu na comarca en plena época franquista e que foi o preludio da transición.

A oferta completarase co Cine Miúdo en Afundación, unha cita que achegará o cine clásico, a música en directo e as bandas sonoras a preto de 700 escolares do 9 ao 11 de maio e a master class que impartirá o recoñecido cineasta vigués Álvaro Gago o 12 de maio no auditorio do Concello de Vigo. Ademais, ese mesmo sábado, terá lugar o concerto do grupo de música Cró na Sala Radar.

Castro convidou a tódolos vigueses a participar do evento por tratarse  “da cita máis importante do cinema galego e lusófono que ten a cidade” e engadiu que o Primavera do Cine segue sendo, desde os seus comezos “un festival que ten sempre presente na súa cinematografía e nas súas exhibicións un compromiso político, reivindicativo, e revolucionario”.