O renovado Pazo Casalnovo abre as portas esta fin de semana
Pazo Casalnovo data do século XV, e agora, tras anos traballando na recuperación do espazo e na conservación da súa historia, xa está listo para poder gozar da gastronomía, o viño e un xardín realmente singular. Esta fin de semana, propón unha xornada de portas abertas para descubrir aos visitantes todos os seus recunchos.
Máis de 2000m2 rehabilitados, mantendo a súa estrutura orixinal e preservando os seus sinais distintivos: o notable traballo de sillería de granito e toda a estrutura inicial de madeira, o pombal e o seu hórreo antigo de oito pés, así como a capela con retablo e cruceiro no xardín. Pazo Casalnovo conta ademais cunha finca de 36.000m2, na que tamén se traballou para lograr un espazo perfecto para albergar calquera tipo de evento ou celebración. Rodeada polos antigos muros de pedra, esténdese ata un total de 13,5 hectáreas dedicadas a bosques, viñedos e xardíns. E é que, a pesar de destacar que estamos a falar dunha construción realmente especial, a xoia da coroa de Pazo Casalnovo son, certamente, os seus xardíns. Máis de 7.000m2, distribuídos en sete terrazas de pedra centenaria con diferentes combinacións de vivaces e gramíneas que, xunto ás súas árbores centenarias, muros de pedra, mananciais propios e fontes, crea un xardín de estilo naturalista de singularidade notoria. Un espazo para gozar dos sentidos, en constante cambio, como a vida en si mesma e que evoluciona de maneira sostible e natural no seu desenvolvemento. E todo isto no corazón de Galicia, exactamente na localidade de Caldas de Reis, vila de tradición termal desde a época romana, bañada polo río Umia e parada obrigatoria dos peregrinos que transitan o Camiño Portugués, abre as súas portas o Pazo Casalnovo, de gran beleza paisaxística e a tan só 40 km de Santiago de Compostela, 17 Km de Pontevedra e 57 Km de Vigo.
Pazo Casalnovo propón ademais unha experiencia gastronómica a través do Restaurante Néctar. Unha proposta culinaria sostible, con notable inspiración na comarca de Caldas e na cociña tradicional galega. Con produtos locais, de tempada, e do horto propio. Pratos para gozar de diferentes texturas e sabores, así como dunha maridaxe perfecta, pois conta cunha
estudada e recomendada carta de viños.
A proposta amplíase mediante unha experiencia exclusiva na zona, o Wine Bar. E é que, o empeño por compartir a contorna e conectar co espazo de maneira enriquecedora fai que o lugar propoña, durante os meses estivais, un plan realmente singular. A persoa visitante escollerá un viño da carta, e xunto á botella do mesmo recibirá unha cesta picnic. Nela, atopará
produtos delicatessen da zona. Con todo iso percorrerá os xardíns e elixirá o lugar no que sentar e gozar, en boa compañía, dos manxares, do viño, da calma e da contorna.
Todo isto e moito máis poderá ser visitado por quen aproveite as xornadas de portas abertas previstas para este sábado 10 e domingo 11 de xuño, en horario de 12 a 20 horas. As persoas que visiten o Pazo Casalnovo durante esta fin de semana, poderán gozar, de maneira gratuíta, do xardín de vivaces e gramíneas máis grande de España. Programáronse ademais diferentes visitas guiadas nas que descubrir todos os detalles do espazo; terán lugar ás 12 horas e ás 18
horas do domingo. Non fará falta reserva previa.