JORGE PARDO

Xa hai data para mercar os abonos do festival Sinsal

Os abonos de tres días estarán dispoñibles desde as 12:00 horas deste venres, 5 de maio, a través da plataforma en liña, mentres que as entradas por día poderanse adquirir a partir do vindeiro luns 8. Unha novidades salientables desta edición será a ampliación de horarios: as e os asistentes sairán da illa cara o porto de Vigo ás 23.30 horas o venres 21 e o sábado 22.

REVISTA NOVEMBRO

O festival Sinsal SON Estrella Galicia activa este venres 5 de maio ás 12:00 a venda de abonos para a súa nova edición, que terá lugar os días 21, 22 e 23 de xullo de 2023 na Illa de San Simón. Serán tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas en canto o estilo e a orixe das máis de vinte bandas e artistas que participarán na súa programación secreta: o público só coñece quen actúa cada día unha vez desembarque na illa.

Sinsal contará con tres escenarios diferentes. Neles ofrecerase unha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons populares até a música experimental, pasando por outras iniciativas sonoras. Bandas e solistas de África, Asia, América e Europa presentarán por vez primeira en Galicia ou en España as súas creacións. Unha novidades desta edición do evento cultural, que impulsa a promotora viguesa Sinsalaudio, é que os concertos ampliarán o seu horario: así, as e os asistentes que embarquen pola mañá ou a primeira hora da tarde no porto de Vigo, partirán de San Simón ás 23:30 da noite os días 21 e 22; e os de Meirande sairán da illa contra as 22:45 horas.

Durante o desenvolvemento do festival, os asistentes ao Sinsal poderán coñecer de primeira man o patrimonio natural, histórico e cultural do arquipélago conformado polas illas de San Simón e San Antón a través de diferentes actividades divulgativas gratuítas -como paseos con axentes sociais de proximidade, parladoiros ou mesmo talleres para público infantil- que se desenvolverán en diferentes horarios ao longo de todo o día. Ademais, Sinsalaudio organizará actividades musicais específicas. Entre elas, haberá unha exposición da Escola Sinsal vinculada ao rexistro sonoro, que este ano afondará na gravación magnética e nos diferentes soportes; un taller específico sobre a fixación de música en soportes; o rexistro de cancións da man das artistas asistentes ao festival ou mesmo a participación activa (tanto na illa coma desde a casa, nas semanas previas ao festival) a través dunha instalación.