Onde celebrar o Día da Música en Vigo
Este martes 21 de xuño é o Día Europeo da Música, polo que esta fin de semana, ademais da programación habitual de salas e bares, algúns artistas ou agrupacións programaron concertos para festexar esta data tan sinalada.
O precursor do Día Europeo da Música idea foi o músico norteamericano Joel Cohen en 1976, quen propuxo que os grupos musicais tocasen durante os dous solsticios que se celebran cada ano: o 21 de xuño e o 21 de decembro. A iniciativa botou a andar ese mesmo ano na cidade francesa de Toulouse. A data oficializouse a partir de 1982.
O venres 17 e o sábado 18, ás 22:00, o Café de Catro a Catro acolle o ciclo Músicos del mundo reuníos, no que actuarán artistas que profundizan nas músicas de raíz: Sara Casas, Niño Índigo, Tincho Fernán e Albert Casanova. Ben preto está o Centro Comercial Camelias, que desde hai uns meses está a desenvolver un interesante labor cultural. Alberto Casanova e Niño Índigo repiten, xunto con Bravaa!, na xornada do sábado, na que haberá música en directo desde as 17:00 ata as 21:00.
O músico vigués Samuel Leví aproveita o seu 40 aniversario para celebrar 25 anos de traxectoria sobre os escenarios. Onde? No Teatro Salesianos, con capacidade para 600 persoas sentadas. Cando? Este domingo 19 ás 18:30. Por canto? As entradas custan entre 3 e 8€, prezos asequibles para unha xornada que promete ser especial, pois Leví ten pensado reunir a moitos dos seus Niños Perdidos, isto é, os músicos que colaboraron con el ao longo deste cuarto de século. Podes mercar aquí as entradas.
A Orquestra Clásica de Vigo propón dous concertos durante a semana que vén paraconmemorar esta data. O primeiro será o martes 21 ás 20:00 no Edificio Redeiras, sede da Universidade de Vigo no Berbés. O repertorio constará dunha serie de propostas de cámara na que destaca a do trío de vento e a do trío de corda. O domingo 26, á hora do vermú (13:00), inundarán a praza da Igrexia de música retomando así unha tradición con máis de trinta anos de historia. Baixo a dirección de Manuel Martínez Álvarez-Nava, as tres mulleres solistas serán Navia Núñez, Paula Gómez e Iria Pérez.
Por útimo, a Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo Kv2211 adianta a celebración ó vindeiro domingo 19 de xuño cun concerto que terá lugar no Auditorio Municipal do Concello de Vigo ás 12:00. A Orquestra bautizou este concerto como “B&B” porque o mundo da música está cheo de grandes Bes: Bach, Bethoveen, Brahms e Beatles, polo que realizarán un repertorio baseado en temas dos de Liverpool. A Deputación de Pontevedra contará cos servizos dos vigueses Broken Peach, formados en 2009 e famosos polos vídeos das súas versións en Youtube. Actuarán na sede provincial de Vigo o 21 de xuño ás 20:30.
Ademais destas actividades, esta fin de semana vén cargada de música nos diferentes recintos da cidade: Molotov, Rebullón, Sinatra, Mar de Vigo, Fábrica de Chocolate, La Pecera, Zentral Bar, Cervecería Miguel, Museo do Mar, La Leyenda (Rosalía), Mercado do Progreso… Para máis información, consulta a nosa axenda de concertos.