Arte vigués na Casa Galega de Nova York da man de Vanesa Álvarez
A artista viguesa Vanesa Álvarez acaba de inaugurar un mural en honor a Castelao na Casa Galicia de NY. A obra súmase ao mural de Rosalía que a viguesa pintou no mesmo sitio fai agora ano e medio.
A partir de agora tódolos galegos que se acheguen a Casa Galicia de Nova York atoparanse nas súas paredes con todo un referente da cultura galega: Castelao. A viguesa Vanesa Álvarez foi a encargada de retratalo. Castelao formou parte do xermolo da casa da Gran Mazá e foi o seu primeiro socio honorario. Nas paredes deste centro da cultura galega do outro lado do Atlántico colga un espectacular debuxo, agasallo do escritor galego. Ademais, a súa chegada a Bos Aires o escritor escribiulles unha carta na que dicía textualmente que “esa casa era unha xoia”. Parte do texto recollido na carta, forma parte do recén inaugurado mural de Álvarez.
A obra da viguesa, que preside o restaurante onde os galegos residentes en Nova York se reúnen habitualmente, súmase ao anterior traballo da artista: un mural dedicado a Rosalía de Castro. Vanesa Álvarez o tivo claro á hora de apostar pola poetisa de Padrón na súa proposta a Casa Galicia NY, “nun 90% das veces no meu traballo coma muralista pinto mulleres. Rosalía é referente, é feminismo, é a nosa icona, e ademais entre as súas obras ten eses incribles versos dedicados a inmigración ‘Adios ríos, adios fontes,…’ que tanto significado teñen, e tan profundos son para un lugar é un público coma este”, explica a viguesa. Admite que para ela estes murais son unha gran responsabilidade pero sobre todo agradece “a aposta por parte de Casa Galicia por unhas formas máis actuáis de facer arte. A xente nova que vaia a Casa Galicia, terá a dous dos nosos referentes diante para poder interesarse e continuar mantendo viva a nosa cultura a este lado do Atlántico”.