O fotomatón celular
Cando os científicos queren estudar unha célula poden empregar unha técnica moi precisa chamada citometría de fluxo. Hai medio século, unha máquina revolucionou os laboratorios de medio mundo ao permitir identificar calquera tipo de mostra, sempre que estivese en suspensión nun líquido: o citómetro de fluxo, unha especie de fotomatón polo que as células van marchando en ringleira a través duns tubiños microscópicos para que un raio láser vaia tomando imaxes de cada unha, como a tira que saía das antigas máquinas de fotos para o pasaporte ou o carné de conducir. «Ademais de darnos información acerca de como de grandes e complexas son as células, isto permítenos identificalas se as tinguimos con diferentes cores fluorescentes. Usando calquera tipo de mostra que nos pase pola cabeza, sempre e cando estea en suspensión, poderíamos xogar ao Quen é quen?, identificando as células de interese», explica a científica Mercedes Peleteiro, investigadora do CINBIO, o Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo. As aplicacións da citometría de fluxo son incontables. Por exemplo, para detectar un tipo de células cancerosas, concretamente as famosas células tumorais circulantes (CTC), «que son moi poucas se as comparamos cos milleiros de millóns de glóbulos vermellos que hai nun mililitro de sangue», explica a doutora Peleteiro, que engade: «o que sería buscar unha agulla nun palleiro».
Na Universidade de Vigo esta técnica tamén se emprega para estudar a microbiota dos seres humanos, a flora intestinal bacteriana, tan importante para a saúde e determinante dalgunhas doenzas. Tamén se avalían vacinas, como as que proba a investigadora África González fronte o cancro de páncreas. E analízanse células tumorais, como fai o equipo do doutor David Posada. Nos últimos anos tamén se está a usar esta técnica para estudar microorganismos mariños, avaliando a saúde de croques ou polbos.
Pero, nestes tempos de pandemia, a pregunta é case obvia: a citometría de fluxo pode ter envexa da popularidade da reacción en cadea da polimerase, a famosa PCR? «A PCR leva a fama porque fai a análise ata o nivel dunha molécula, pero coa citometría podemos saber cousas na escala das células, como a relación que teñen co coronavirus», explica a doutora Peleteiro. «Por exemplo, se os linfocitos T, que son parte das nosas defensas, viron pasar o virus ou non». A citometría de fluxo ten aínda moita ciencia por achegar. No CINBIO, a célula queda retratada.
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Abril de 2021. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]