Valadares homenaxea ao mestre gaiteiro Moxenas
Os domingos de marzo músicos e agrupacións tradicionais daranse cita en Valadares para homenaxear a Nazario González, máis coñecido como Moxenas. A parroquia viguesa rende tributo por sexto ano consecutivo a un dos máis destacados mestres gaiteiros da área e fundador do grupo de gaitas de Valadares.
Nazario González comezou a tocar a gaita con tan só sete anos. En 1978 creou xunto a Xosé Manuel Fernández Costas o grupo Muxicas a través do que explotaría a súa faceta de compositor. O grupo tivo grande importancia dentro da música tradicional galega porque propuña un formato innovador no que se lle daba gran protagonismo á percusión.
Moxenas, orixinario de Sárdoma, pasaría por diferentes agrupacións. Dende o inicio mostrou o seu interese pedagóxico e foi mestre de moitos gaiteiros e gaiteiras de hoxe en día. As catro fins de semana de marzo o Centro Veciñal e Cultural de Valadares réndelle homenaxe por toda a súa traxectoria. O gaiteiro, que no ano 1991 recibiu o título de vigués distinguido, foi o fundador do actual grupo de gaitas desta parroquia viguesa.
Nestes concertos homenaxe, que se celebrarán os domingos a partir das 19:00, participarán diversos artistas ligados ao folclore galego. A primeira cita é este domingo día 4 e contará coa actuación da arpista Marta Quintana. A artista da escola de Rodrigo Romaní, interpretará cancións tradicionais galegas e tamén algún tema propio. A agrupación de recente creación ‘Os Escaravellos’, tamén se subirá ao escenario na tarde do domingo 4. A seguinte cita será o domingo 11 e a festa correrá a cargo dos grupos Ardentía e O Son das Ondas. Ardentía que comezou a súa andadura no 1990 destaca por ter introducido novos instrumentos dentro do folk galego coma o clarinete, a requinta ou o birimbau, ademais de apostar pola preponderancia do canto masculino. A agrupación Son das Ondas de Pontevedra está composta por sete voces masculinas e sete voces femininas que apostan polos cánticos de taberna. Os Paporrubios será unha das agrupacións participantes no concerto do día 18. No seu espectáculo farán un percorrido cronolóxico pola evolución da gaita galega, dende os ritmos primixenios das Cantigas de Martín Codax, ata a experimentación contemporánea. Pelica de Can complementará a actuación dese día. O grupo está composto por Leni Pérez que canta e toca percusións, Ernesto Campos faise coa guitarra e Marcos Campos dálle as gaitas, frautas e o acordeón, dando como resultado unha música 100% tradicional galega ou da raia. Por último, o día 25 as Cantareiras Medialeva subiranse ao escenario do Centro Cultural de Valadares. Doce mulleres que darán vida a un espectáculo no que a protagonista indiscutible é a voz. Estarán acompañadas polos Viqueiras, encargados de pechar o ciclo de actuacións en homenaxe a Moxenas. O quinteto de Ordes, formado por gaita, clarinete, acordeón, tambor e bombo, defenderá os temas gravados nos dous CD`S que publicaron ata a data, “Noites de Tasca”, no 2010 e “Vilaverde” no 2017.