Diversión e aprendizaxe para nenos nos museos Liste e MARCO
Dous dos museos da cidade, o MARCO e o Liste, teñen lista a programación de actividades para este verán, especialmente dirixida a nenos e nenas con iquedanzas sobre o mundo das artes plásticas, a fotografía, a escrita ou os instrumentos musicais.
Durante este mes de xullo, o MARCO ofrece un programa especial de obradoiros de verán dirixidos a público infantil de entre 6 e 12 anos. A proposta está deseñada tendo moi en conta as normas e medidas sanitarias de seguridade e protección post Covid-19, por iso, as actividades terán lugar na grande maioría ao aire libre (praza peonil posterior) e completaranse con percorridos específicos polas exposicións de Manuel Colmeiro e Yolanda Herranz.
Os obradoiros achegarán á rapazada a diferentes conceptos da creación plástica, como as luces, os volumes e as historias e ligarán estes conceptos coas exposicións actuais no centro de arte moderna. A programación para as primeiras semanas xa está dispoñible na súa web. As sesións serán todos os martes, mércores, xoves e venres entre as 12:00 e as 14:00 desde o 8 ata o 31 de xullo. A participación é gratuíta, pero é preciso inscribirse no email recepcion.marco@gmail.com, no teléfono 986 11 39 00 ext. 100 ou ben presencialmente na taquilla do centro. A capacidade máxima de cada obradoiro é de 15 participantes.
Pola súa banda, o Museo Liste presenta unha programación cultural para os máis novos adaptada ás circunstancias actuais, na que desaparecen os campamentos urbanos e os grupos grandes. No lugar destes haberá catro obradoiros dirixidos a diferentes franxas de idade e que terán lugar entre o 1 de xullo e o 14 de agosto no xardín e interiores do museo etnográfico de Vigo. Así, os nenos e nenas poderán aprender sobre as ferramentas e a súa relación cos oficios tradicionais no obradoiro ‘Os sons do traballo’, dirixido a nenos de 3 a 8 anos cun custo de 1 € por participante. Na mesma liña, canas, plumas, máquinas de escribir e redes sociais serán as protagonistas de ‘Escribir era unha arte’, arredor da historia da escritura.
Tamén haberá unha actividade arredor da fotógrafa Luisa Cabana, na que nenos a partir dos 7 anos aprenderán o valor das imaxes na memoria colectiva. E un cuarto coa música como protagonista, dirixido a grupos de 20 rapaces de todas as idades, titulado ‘Instrumentos humildes’. O horario comúnicase no momento de facer a inscrición no teléfono 986 24 46 98.