CAMELIAS MASCOTAS

A nosa cultura a exame

[Artigo publicado en de setembro de 2019, cando a nosa revista cumpría un ano, polo decidimos facer balance da cultura local a través de sete expertos/as]

Falamos sobre estado da cultura na nosa cidade. E para facelo, pedimos opinión a sete persoas destacadas dentro de diferentes disciplinas que se abranguen no vizoso eido cultural. Facemos un pequeno percorrido histórico e analizamos cales son esas tarefas que quedan pendentes. Para iso prendemos as candeas e pedimos un desexo: aprobar as materias pendentes neste novo curso.

ARTES PLÁSTICAS: MINGOS TEIXEIRA, PINTOR E DOCENTE

            Unha obra: Para min, Vigo é, sen dúbida, A habitación do vello mariñeiro, un óleo sobre táboa de Urbano Lugrís, cosmografía inesgotable de vidas, xanela aberta a movementos de alas de imaxinacións fértiles, cómoda butaca para imaxinar illas descoñecidas ou deleitarnos coa sinfonía da propia existencia.

            Un fito histórico: A historia desta cidade está por escribir e a da súa arte, tamén. Ao meu entender, a ara funeraria aparecida na rúa do Areal, consagrada por Iulia Quintia aos deuses Manes, é unha peza crave para comezar a escribir ese pasado.

            Un reto para o futuro: Nos últimos anos, o concello avanzou moito en cuestións de identidade social. Agora toca facer o mesmo coa nosa cultura, coa nosa arte; precisamos sentirnos orgullosos da nosa identidade cultural.

CINEMA: XISELA FRANCO, CINEASTA, DOCUMENTALISTA E DOCENTE

            Unha obra: Hai filmes relativamente recentes, como Lena (Gonzalo Tapia, 2001), Os luns ao sol (Fernando León de Aranoa, 2002), Ilegal (Ignacio Vilar, 2003) ou Heroína (Gerardo Herrero, 2005), nas que queda claro o que inspira Vigo como cidade industrial e obreira. Hai uns meses estreouse no festival Primavera do Cine a marabillosa obra de David Hernández La felicidad de los perros, a historia dun antiheroe no paro que foxe de Vigo. Mais, para alumear curiosidades propoño ir aos primeiros filmes nos que aparece a cidade. Imaxes de Vigo e arredores, gravadas por un anónimo turista danés en 1926, o filme dos irmáns Barreiro que recolle a visita do Presidente da República Alcalá Zamora a Vigo en 1934 ou Talleres Alonarti. Sociedad La Artística Ltda. (1928), do pioneiro do cine vigués José Gil.

            Un fito histórico: A primeira vez que os vigueses viron imaxes en movemento nunha pantalla proxectada e en grupo foi o 29 de abril de 1897 no Gran Teatro Circo Tamberlick.

            Un reto para o futuro: A cultura dunha cidade e a súa alma, se se amordaza, a cidade camiña a medio morrer. Hai que abrir portas ao talento que existe, a moita xente formada aquí ou fóra. Deixar que teñan voz e acheguen ideas novas para erguer o desacougo reinante.

DANZA: OLGA CAMESELLE, BAILARINA E COREÓGRAFA

            Unha obra: Relacionada directamente con Vigo, a risco de ser auto chauvinista, teño que nomear a proposta escénica mestiza Leixa-prem, non me veñas con cantigas producida por A Artística, dirixida por min mesma e interpretada por Diego M. Buceta, Manuel Polo, Alfredo Rodríguez e xestinonada en escena por Laura Iturralde.

            Un fito histórico: A sección de vídeo-danza correspondente ao desaparecido Festival Internacional de Vídeo Cidade de Vigo dos anos noventa do século pasado, polo que supuxo no tocante á modernidade e no avance cara ao presente.

            Un reto para o futuro: Apoiar con regularidade espazos, eventos así como fomentar e difundir eficientemente os que xa existen para que a danza, desde a perspectiva de linguaxe artística contemporánea, sume ao rexurdimento da cultura na cidade (non perdamos a esperanza), sen que esta sexa fagocitada pola cultura de consumo rápido cun pouso de pura vacuidade.

DEPORTES: XAIME ESCUDEIRO, XORNALISTA

            Unha obra: Aínda que teño varias de diferentes deportes en mente, quedo coa de Iago Aspas no Celta. Polo pasado, polo presente e polo futuro.

            Un fito histórico: A final da Copa do Rei do Celta contra o Zaragoza no estadio de La Cartuja (Sevilla); especialmente polo desprazamento masivo de xente, desafiando a distancia, a calor e a derrota.

            Un reto para o futuro: A Vigo quédalle recuperar deportes que noutrora foron importantes, como o balonmán, o voleibol, o baloncesto masculino, o fútbol sala… e un título para o Celta.

LITERATURA: INMA LÓPEZ SILVA, ESCRITORA E DOCENTE

            Unha obra: Non podo quedar cun só libro. O último barco, de Domingo Villar, claro! Pero gusto moito dun autor que consagra toda a súa obra a Vigo, Francisco Castro. Das súas novelas quedo con Xeración perdida, porque dá conta dunha xeración enteira na cidade, entre drogas, música e revolución. Tamén un poemario co que descubrín a cidade: Vigo, de Helena de Carlos.

            Un fito histórico: A publicación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, na imprenta de Juan Compañel, na rúa Real. O comezo de todo.

            Un reto para o futuro: Vigo é a capital editorial de Galicia. Creo que merece un gran evento literario anual, un escaparate do sector que amose o músculo de calidade e creatividade que somos a nivel internacional.

MÚSICA: SUSO HIDALGO, XERENTE DE DISCOS ELEPÉ

            Unha obra: Faime graza a canción «Rock en Samil», de Siniestro Total, unha versión do «Rockaway Beach» dos Ramones. Pero, se teño que escoller un só tema, quedo con «Urzaiz Street Beet», de Bromea o Qué?, porque me gusta moito e me recorda unha época moi boa.

            Un fito histórico: O de Madrid se escribe con V de Vigo tivo repercusión, pero aquilo pareceume un feito máis deplorable que positivo. Eu quedo coa edición do primeiro disco de The Soul Jacket, Wood Mama (2012), porque é o primeiro disco de rock editado nesta cidade que ten nivel internacional.

            Un reto para o futuro: Sería importante manter o que hai hoxe en día en estudios de gravación, bandas e salas. Habería que contar máis coas bandas locais á hora de vender a cidade. Desde as institucións, ata o de agora, non se molestaron moito, sobre todo desde a alcaldía. Coa calidade que hai aquí, a música é un plus para vender esta cidade, non só a praia ou as luces.

TEATRO: MANUEL F. VIEITES, DIRECTOR DA ESAD E ESTUDOSO

            Unha obra: Imperial: Café Cantante, Vigo 1936, de Eduardo Alonso, que recrea un aspecto da vida cultural da cidade ben pouco coñecido.

REVISTA NOVEMBRO

            Un fito histórico: Sen dúbida as Jornadas de Teatro organizadas nos primeiros setenta do século pasado, o primeiro festival de teatro ibérico feito en España, que trouxo a Vigo compañías moi destacadas naquel momento. Ou a Sala Carral, unha das primeiras salas independentes do país.

            Un reto para o futuro: Cando menos igualarse a outras cidades; como Braga ou Porto, que contan cunha vida teatral máis rica, diversa e intensa. Temos os recursos, falta a visión política.

Texto: Tamara Novoa
Fotos: Uxía Soliño

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.