Talento e tradición da man de Elena Ferro, Paula Ojea e Sete Espadelas
A nova sede da Deputación acollerá esta semana dúas mostras autóctonas que representan á perfección o equilibrio entre tradición en vangarda: as mostras dos traballos de Elena Ferro, zoquista, e Paula Ojea, ceramista, máis a pasarela de traxes tradicionais da man da Asociación Etnográfica Sete Espadelas.
Desde hoxe ata o mércores 26 poderemos ver no salón de actos da nova sede da Deputación (rúa Eduardo Chao 17/19) unha pequena mostra dos traballos de dúas artistas galegas que mesturan a tradición, a modernidade e a estética nas súas pezas: Elena Ferro e Paula Ojea, ambas galardoadas o pasado ano co Premio Nacional de Artesanía polo seu traballo.
Ferro lembrou esa tradición familiar coa que lle foi “fácil aprender”, que iniciou o seu avó no 1915 e continuaron o seu pai e a súa tía no seu obradoiro cando o medio de venta “era ir ás feiras”. Trala decadencia desta tradición a partires dos 70, que fixo que os zocos case desapareceran, ela decidiu recuperala a partir do 1995: “xa que os zocos protexeran a tanta xente do campo non podían ser tan malos, se protexeron os pés de tanta xente do frío e da humidade, díxenme, teño que intentar que non morra”. Foi no 2010, tras “moitos anos de probas e erros” e tras cambiar a base da madeira dos zocos para adaptala aos novos terreos e facelos máis cómodos, cando frutificou a súa aposta. “Este premio é un orgullo para a familia e para o rural galego, temos uns oficios tradicionais que non debemos deixar morrer, como toda a nosa cultura e o noso idioma. A cultura enriquece, non empobrece”.
Pola súa banda, Paula Ojea, quen recibiu o Premio Nacional de Artesanía ao produto pola súa colección Cut & Fold, lembrou os seus inicios na cerámica aos cinco anos da man da súa mestra Emilia Guimeráns, “a miña referente durante toda a miña vida”. Tras deixar a súa afección para estudar Enxeñería Civil na Coruña e comezar a traballar en Nova York, retomouna, “ao darme conta de que era unha disciplina moi versátil que me permitía incorporar a miña visión e experiencia como enxeñeira”. Despois dun tempo compaxinando ambas facetas, decidiu arriscar coa cerámica, e recoñeceu que a súa colección premiada “é a que máis representa a miña aposta por incorporar a enxeñería á cerámica, porque son pezas de corte xeométrico que parece que se inclinan e algunhas parecen inestables, eu lles chamo pezas imposibles.” O premio verifica que “foi unha aposta arriscada, pero que vai polo bo camiño”.
Por último, este venres 21ás 20:30 terá lugar na sede o desfile Unha ollada polas arcas pechadas, unha mostra da colección de traxes tradicionais que ao longo do anos foron recuperando e tecendo na Asociación Etnográfica Sete Espadelas. Un total de 60 vestimentas iran desfilando nun evento que xa conta con practicamente todo o aforo repleto. O tesoureiro de Sete Espadelas, José Luis Rodríguez, subliñou que o desfile exhibirá “tesouros dos galegos e das galegas” e explicou que o nome da pasarela vén “porque as arcas eran os enormes caixóns onde se gardaban os traxes e se abrían só para os días principais da vida das persoas”. Dentro das xoias que amosarán na gala, figuran panos de manila, algúns con 200 anos “que están en perfecto estado de conservación polo interese das persoas de conservalos porque sabían do seu valor e por deixalos en herdanza”.
Rodríguez explicou que desde os seus inicios, a asociación tenta “recuperar pezas antigas, volver a reproducilas e estudalas”. O seu traballo está recompensado con numerosos galardóns, como os 25 primeiros premios do certame anual de Santiago ou os once de investigación sobre traxe tradicional galego. O portavoz de Sete Espadelas engadiu que o pasado ano, a exposición celebrada no Museo de Pontevedra, Galicia, a terra dos mil panos recibiu 11.000 visitas só nun mes e vendeu 400 catálogos na primeira semana. “Cada vez temos máis socios que colaboran para facer de modelos, restaurar ou coser”, recoñeceu.