Danza e teatro independente ata marzo no Ensalle
Xa coñecemos a programación de aquí a marzo do Teatro Ensalle, a principal sala de artes escénicas independentes da cidade. Un total de seis obras, a maioría enmarcadas dentro do XV Festival Isto Ferve (13/2 – 8/3), son as que poderemos ver cada fin de semana neste espazo situado na rúa Chile.
Pentecostés, de Pálido Domingo (23-26/01)
O que acontece en Pentecostés parece maxia. Pero non o é. Non é un milagre. Non é unha revelación. Non é nada importante que pasará á Historia. En realidade non é nada sumamente relevante. É fráxil. E é forte. É un fío de luz a través dun muro de pedra. Pentecostés é querer ver. É un acto de fe. Esta é a acción sinxela que Diego fai obsesivamente desde fai uns anos para reafirmar o seu apoio plantar e recolocar o seu centro. Esta é a rutina que Fran repite día tras día. Pregúntase que é o que procura insistindo nestes movementos unha e outra vez. Belén está empeñada en mostrar ao mundo unha imaxe de forza. Dubida de se realmente é forte ou pensa que o é. Accións. Prácticas. Rituais. Movementos que repetimos unha e outravez, día tras día. Case sen cansarnos, case sendarnos conta. Unha liturxia pagana na procura dun instante.
Antes de que llegue la Bestia, de Cía. Ensalle (13-16/02)
A peza enmárcase no contexto Canchales; unha iniciativa de investigación escénica promovida en 2016 pola Compañía Ensalle, na cal, convídase a creadores da escena contemporánea a participar dos procesos de creación da compañía, posibilitando experimentar camiños comúns e afondar en ideas desde distintas perspectivas. Neste caso a colaboración se está a realizar con Terrorismo de autor e Antoine Forgeron (Canchal VI), Terrorismo de autor (Canchal VI.2) e Sergi Fäustino (Canchal VII). Besta é a palabra clave da peza. A Besta política e económica, a Besta social,o que deixou a Besta nos nosos corpos, a miña propia Besta. A ollada sitúase no contexto socio-político actual, hoxe. Como está construido o sistema, como nos afecta, como nos relacionamos con el, como podemos evidenciar á Besta, como podemos destruir a evidencia. Bailar abatidas, militar verbas, a acción como rastro do posible, camiñar igual de fronte que de costas, oubar. Pequenas revelacións ou presentimentos.
Schumann Amateur, de Cía. Rubén Ramos Nogueira (21-23/02)
Un tipo que toca o piano obsesionado con Clara Schumann, pianista e compositora nacida hai douscentos anos. Unha actriz que baila e apenas fala. Unha violinista e unha chelista que se xuntan para montar un trío. Un iluminador que se toma unhas vacacións da mediocridade coa que afronta de cotío. O terceiro episodio de AMATEUR, despois dos adicados a Orlando Gibbons e ás Variacións Goldberg, “cuestiona as xerarquías e as convencións do mundo da cultura, a arte e o traballo en relación coa súa construcción pública. A través dunha práctica que expónse abertamente entre a creación artística e a necesidade vital, entre a cultura e o goce, abre un territorio de reflexión, percepción e intercambios que responde antes a un impulso persoal e compartido, algo potencialmente ao alcance de calquera, que a unha moda artística ou corrente cultural imposta”.
Fäustino VI o 126 Caballos, de Cía. Sergi Fäustino (28/02 – 01/03)
A proposta é froito dun proceso de creación en continuidade que comezou en 2012. Para as presentacións en Ensalle vai haber unha parte de documentación gráfica de distintos xeitos que colleu o traballo segundo o momento e o lugar de presentación, un apartado audiovisual no que se poderán ver e oír as ramificacións do traballo neste formato, e un espazo para a escena. En escena vai haber un corpo bailando xunto cunha voz en off de alguén que olla e analiza o corpo que se move, o corpo que baila; e que fai unha inmersión no interior deste corpo, no interior desta persoa, para compartir todas aquelas vicisitudes da súa vida que o levaron a estar diante de nós movéndose dun xeito único. Partindo así do estrictamente físico para chegar a algo que transcende o corpo. A proposta pretende pór sobre a mesa unha visión desde o corpo e a través do corpo, coa conciencia que é importante que esta visión exista -xunto con outras moitas-, nun momento en quea tendencia é ir cara unha visión única.
Vida y materia – Entreactos – Poemas lentos, de Cía. Antonio Fernández Lera (06-08/03)
En palabras do seu autor: “Non sei moi ben por que, véñenme á cabeza dúas palabras relacionadas coa tradución (coa miña experiencia como traductor, bastante inseparable das miñas outras experiencias vitais): a primeira é re-enactment: recreación, reconstrucción, repetición ou reprodución exacta dunha creación escénica do pasado… algo así como unha restauración imposible, unha recreación que non pode ser arqueolóxica; a segunda palabra enlaza coa primeira porque pode semellar unha broma pero non o é: a(na)rcheology, a(na)rqueoloxía, é o neoloxismo elexido polo artista neoiorquino Gordon Matta-Clark para referirse as súas intervencións poéticas, brutais, fermosas, un pouco nostálxicas e pode incluso inxenuas vistas hoxe, nos espazos urbáns de Nova Iork. Hai uns anos puiden escribir en branco sobre as paredes negras dunha pequena sala do Teatro Ensalle uns cantos poemas de Vida y materia e alí permañeceron ata que as paredes aguantaron. E agora que?”
El Abrazo, de Cía. Carmen Werner (13-15/03)
Fin do Festival Isto Ferve. En palabras de Leyson Ponce, un dos creadores e coreógrafos da peza: “Foi no noso proceso creativo o acontecemento que permitiu facer vibrar a fráxil fisonomía dun encontro sobre outras teatralidades do corpo. Desde si mesmo e na súa propia cualidade, querer e poder abrazarnos fixo posible un estado entre a necesidade e a dificultade en opoñernos ó desvanecemento, a traves do xesto expresivo e o movemento que procura unha totalidade armoniosa. Entre outras fontes baseámonos nas imáxes do pintor estadounidense Edward Hoope.”