CAMELIAS MASCOTAS

O underground chega a CiCLICKA da man de Mounqup, Mundo Prestigio e Youcanthide o venres

Unha das características que define CICLICKA é a variedade de estilos da súa programación cultural. Nesa liña, a programación do venres estará centrada na música underground, desde o hip hop máis old schooll de Mundo Prestigio á electrónica experimental de Mounqup, pasando polo punk da nova banda que forman Kaixo e os Kings of the beach e que leva por nome Youcanthide.

A Sala Mondo será a anfitrioa dun evento que comezará ás 21.00 horas e chegará ata ben entrada a noite. Unha noite na que Mundo Prestigo estreará o seu novo EP “Los Vengadores”, unha selección de seis temas nos que cobran protagonismo os beats e baixos de influencia negra, cinco das cancións serán instrumentais.
Pola súa banda, Youcanthide dará o seu derradeiro concerto antes de facer a estrea do seu primeiro álbum, que sairá á luz a comezos do 2020. Esta nova banda viguesa (pero con músicos experimentados) defínese como post punk e a súa declaración de intencións é fácil de lembrar: «Bailar, saltar e berrar ata que caia abaixo a Mondo».
A noite acabará coa veterana e artesá do son electrónico, Mounqup, que xa prometeu nas súas redes que estreará algunha nova melodía feita explicitamente para CICLICKA. As entradas anticipadas para está noite alternativa xa están á venda en Woutick xunto co resto dos pases da programación do festival:

CICLICKA, que leva por apelidos Market, Arts & Fun, durará dez días separados en dúas quendas. A primeira do 19 ao 24 de decembro e a segunda do 2 ao 5 de xaneiro. Todo iso no centro da cidade, que será o punto de encontro perfecto para músicos de vangarda da talla de Baiuca ou Su Garrido. Pero CICLICKA non só aposta por música galega en plena explosión, senón que vai máis aló e consege abarcar todas as artes.
Ademais, no outro espazo habilitado polas organizadoras no número 44 de Velázquez Moreno haberá un mercado de artesanía durante todo o día que será de libre acceso. Nese mesmo espazo, haberá programación artística de pago con poesía, proxeccións, performances e moito máis. O PDF co programa completo de CICLICKA pódese consultar nesta ligazón.