Arte a raudais no 4º Festival Arte y Discapacidad
A fundación Igual Arte trae ao auditorio municipal do Concello tres días de danza, fotografía, cine, teatro, música e plástica co 4º Festival Arte y Discapacidad, un evento que pretende crear un espazo creativo plural e inclusivo. Comezará mañá e durará ata o xoves 10.
O Certame Igual Arte persegue como obxectivo fundamental o encontro de diferentes disciplinas e grupos artísticos onde todos podamos ver, aprender e gozar desde unha linguaxe non verbal. Un concurso aberto á danza e á fotografía que conten coa participación de persoas con discapacidade. Este ano terá lugar do 8 ao 10 de outubro no auditorio municipal do Concello, con entrada de balde.
O festival comezará o martes 8 ás 20:00 coa actuación do dúo acrobático formado por Wachu e Vanesa, ao que lle sucederán dúas breves proxeccións: a presentación do certame e un vídeo da categoría de fotografía. Pouco despois será a quenda de Búsqueda de visión, unha nova produción da compañía de danza da fundación Igual Arte.
O mércores dará comezo á mesma hora co número de diábolo e danza de Jonas Desquay, un alumno da École de Cirque de Bruxelles desde os 5 anos. Un espectáculo que rompe as barreiras do espazo que se balancea e roda entre o ceo e o chan. Tras outra proxección da categoría de fotografía, chegan as actuacións das compañias de danza locais Media Punta, Mayeusis e Dance Academy. Por último, o dúo formado por Carlos Penso e Vanessa Lozano interpretará Breviario Dispersivo.
A última xornada comezará tamén co espectacular show de Jonas Desquay, que dará paso á Dan Zass, unha das compañías finalistas. Interpretarán Vestigio, unha peza de danza contemporánea interpretada por sete bailaríns que sumerxirá ao público nun mundo de poesía visual. Ás 20:50, José García e Ana Blanco mostraranos a súa peza 1 y otra vez, xusto antes da actuación da outra compañía finalista, MeetShareDance (MSD), co seu Sapere Aude. A noite rematará coa presentación do videoclip do grupo de música moderna da fundación Igual Arte e coa entrega de premios.
No ámbito da fotografía atoparemos a exposición dos alumnos do taller da Fundación, titulado Cuerpo y movimiento. As artistas finalistas nesta especialidade son Patricia Rodríguez con Fantasma e Vanesa Gómez con Haciendo deporte al aire libre. Colaboran Zona5 Edaf e Foxpain.