Luke Winslow-King retoma o ciclo Máis Que Blues este domingo
O vindeiro 8 de setembro volven os concertos do Ciclo Internacional de Blues “Mais que Blues”. Nesta ocasión teremos a oportunidade de ver en directo na Sala Rouge, por primeira vez en Vigo, a Luke Winslow-King, un dos grandes talentos da música americana dos últimos anos, que ademais estará acompañado por toda a súa banda.
O multi instrumentista estadounidense Luke Winslow-King chega a Vigo por primeira vez para presentar o seu último traballo, Blue Mesa, disco no que deixa novamente o seu selo como escritor e compositor. O concerto enmárcase no ciclo Máis que Blues, unha proposta cultural levada a cabo pola asociación River Bucks, quen busca traer o mellor blues, rock e folk internacional á nosa cidade.
Winslow-King, nado en Cadillac (Michigan), é un recoñecido músico de vintage blues e jazz, xéneros nos que mostra a súa habilidade na composición, na guitarra, na voz e no slide. O seu estilo recibe múltiples influencias da música tradicional, de xéneros como o jazz, o delta blues, o ragtime ou o folk. Residir durante 15 anos en Nova Orleans tamén fixo que as diferentes correntes musicais da cidade de Lousiana tinguisen a súa forma de tocar e compoñer.
Mais non virá só a Vigo, xa que sobre o escenario da sala Rouge estará a súa banda, formada por Chris Davis, Christian Carpenter, Randall Moore e o gran guitarrista Roberto Luti, experimentado músico italiano enrolado en numerosos proxectos. En pouco máis dunha década Luke sacou ao mercado seis discos, os cales o sitúan aos seus 36 anos como unha aposta segura, tanto de presente como de futuro. As entradas anticipadas podes mercalas aquí por 10€, ou o propio día no local por 15€. Tamén sorteamos dúas entradas dobles, que podes conseguir premendo nesta ligazón.