CAMELIAS MASCOTAS

O Galician Freaky Film busca os filmes máis gamberros para a súa terceira edición

O Galician Freaky Film Festival volve por terceiro ano a cidade de Vigo para enchela de cine de terror, ciencia ficción e fantasía con toques freaks e de serie B. O pasado 17 de xullo, o certame abriu o prazo de inscrición de obras para a súa terceira edición que estará aberto ata o 16 de setembro.

REVISTA NOVEMBRO

O Galician Freaky Film Fest volverá cunha terceira edición (a primeira edición denominouse 0) á cidade de Vigo coa intención de ateigala de zombies, vampiros, lobishomes e montar unha auténtica festa da cultura freak tan incorporada no ADN de toda a xeración Xabarín.

Para conseguilo, o certame lanzou no mes de xullo as súas bases de inscrición en tres categorías: curtametraxes, longametraxes e videoclips. O prazo de recepción estará vixente ata o próximo 16 de setembro e poderanse enviar tanto en formato dixital coma en soporte físico. As obras deberán pertencer ó mundo freak, entendendo isto como a serie B, o terror, a ciencia ficción, o cine fantástico ou a parodia dos mesmos, pero tamén a calquera outro xénero (western, policial, musical…) que teña a vocación de formar parte da cultura freak polas súa intención de sorprender, de amedrentar ou de tratar con sorna calquera tema. En definitiva, cintas cheas de gamberrismo. As bases e formulario de participación están dispoñibles na súa web.

Este é o terceiro ano do Galician Freaky Film Fest que cada ano pretende achegarse á visión persoal coa que mesturamos os galegos os xéneros fantástico e de terror e lles sumamos unha boa cantidade de ruralismo e retranca. A fórmula, ideada polo mesmo equipo que o Festival Primavera do Cine, é todo un éxito, como demostran os números da pasada edición na que se colgou en varias ocasións o cartel de ‘completo’ na porta da ‘Sala videodrome’, situada no baixo do Mercado do Progreso. Para a vindeira edición prometen moitas sorpresas. De momento, sabemos que o cartel renderá unha homenaxe a “Alien”, unha das grandes sagas da ciencia ficción de todos os tempos e que chegará ao Galician Freaky Film Festival da man do deseñador Paulo Mosca.