CAMELIAS MASCOTAS

A revista A Movida festexa as Letras Galegas cunha gran presentación

O número de maio da revista A Movida vai dedicado ao noso ben máis preciado: a lingua. Por iso, nesta ocasión, queremos convidarvos a un evento no que a revista vai cobrar vida.

Cartel da presentación da revista A Movida do mes de maio: As Fraguas das Letras.

As persoas que protagonizan este número van saír de entre as páxinas para facernos gozar dunha festa na que as letras serán as verdadeiras protagonistas. O evento que terá lugar este luns día 13 no Espazo Mahou de Progreso 41 ás 20:00 horas será conducido polo actor e humorista Cándido Pazó.

REVISTA NOVEMBRO

Será unha festa para poñer en común puntos de vista de personaxes e persoeiros que fan que o uso do galego viva e creza na nosa cidade. Contaremos cun recital de poesía a cargo da escritora Ana Fontenla; Pablo Rodríguez, un dos creadores do Rei Zentolo, porá de manifesto que galego e éxito poden ir da man. Achegarémonos ao traballo que desenvolven asociacións como As da Industria, o Colectivo Malaherba e a Asociación do Casco Vello en prol do galego e das nosas tradicións.

Coma en calquera gran evento non faltará a música que correrá a cargo de Son Trío. Unha agrupación formada por Katerina Linke, Su Garrido Pombo e Susana Blanco que converten os poemas de grandes nomes da literatura galega como Rosalia de Castro ou Celso Emilio Ferreiro en música.

Ademais do humor, a poesía, a arte e a música tamén haberá espazo para coñecer este proxecto chamado A Movida. Este é o noveno número dunha revista mensual e gratuíta de referencia para a cultura e o ocio dunha cidade tan activa como Vigo. O luns poderás facerte cos números de A Movida que aínda non teñas na casa e apoiar o noso traballo. Tamén haberá algunha que outra sorpresa, agasallos e cervexa!

(GMT+01:00) Urban Market