CAMELIAS MASCOTAS

Catro festivais galegos premiados no Iberian Festival Awards

Festival Sinsal, O Son do Camiño, Resurrection Fest e WOS Festival foron recoñecidos con galardóns a nivel nacional, e incluso peninsular, nos Iberian Festival Awards da noita pasada no Teatro Afundación.

Foto final dos premiados na gala | IFA

A importancia festivaleira de Galicia é cada vez maior no resto da península, como ben se demostrou onte no Teatro Afundación. Ata catro festivais galegos, moi diferentes entre si, foron premiados na cuarta edición dos Iberian Festival Awards. De entre os nominados escollíase a un vencedor de cada país, para que posteriormente se elexise entre os dous ao gañador peninsular.

A noite xa comezaba ben coa victoria, tanto a nivel nacional como ibérico, de O Son do Camiño na categoría Best New Festival, que recoñecía ao mellor festival que tivera a súa primeira edición no 2018. Entre os nominados tamén atopabamos ao Caudal Fest de Lugo, tamén da promotora viguesa Esmerarte. O Son do Camiño volverá ao Monte do Gozo entre os días 13 e 15 de xuño con artistas como Iggy Pop, Black Eyed Peas, Die Antwoord ou Rosalía.

Este non sería o único premio que se levaría o festival santiagués durante a noite do mércores, xa que tamén conseguiu, aínda que dunha forma a máis indirecta, o de Best Live Performance (International) co concerto de Lenny Kravitz. De novo, un festival galego gañador a nivel nacional e ibérico, que neste caso competía nada máis e nada menos que contra a actuación David Byrne, fundadador de Talking Heads, no EdpCoolJazz portugués.

REVISTA NOVEMBRO

O outro gran festival galego, o Resurrection Fest de Viveiro, tamén foi o vencedor na categoría Best Line-up. Lembremos que na súa última edición reuniu a grupos da talla de Kiss, Scorpions, Megadeth, Ghost, Prophets of Rage ou Stone Sour nunha vila duns 15.000 habitantes. Este ano volverá a reunir a milleiros de persoas os días 3, 4, 5 e 6 de xullo con grupos como Slayer, Slipknot, King Diamond, Parkway Drive ou Gojira.

Como non podía ser doutra forma, un dos festivais máis especiais do país non podía quedar sen galardón. O Sinsal foi o gañador nacional na categoría Best Small Festival, a pesar de que o Rodellus levouse o recoñecemento a nivel ibérico. Terá lugar entre o 25 e 28 de xullo en San Simón, e como sempre, o cartel será un segredo ata chegar alí.

Finalmente, o alternativo e multidisciplinar WOS Festival foi recoñecido co Best Touristic Promotion grazas á gran utilización dos distintos espazos naturais e arquitectónicos que Santiago ofrece. Pronto anunciarán as datas para a edición deste ano, que nos 2018 tivo lugar en setembro.