Este xoves inaugúrase SVT Espacio de Arte coa obra de Xosé Vilamoure
A partir deste xoves 14 de marzo Vigo contará cun novo lugar de encontro para compartir experiencias artísticas e culturais grazas a SVT Espacio de Arte, que arranca esta aventura coa exposición Imago mundi de Xosé Vilamoure.
Este xoves 14 preséntase en Vigo SVT Espacio de Arte, un proxecto expositivo e espazo aberto á comunidade artística que ten como obxectivo o de favorecer o desenvolvemento das súas actividades e proporcionar unha contorna expositiva prestixiosa e consolidada para a exhibición dos seus traballos. Atoparémolo en Gran Vía 129, na sede da empresa de mobiliario e deseño contemporáneo Sirvent.
Este proxecto estará coordinado polo artista e comisario independente Ángel Cerviño, quen pretende desenvolver unha programación expositiva que fixará a súa atención tanto nos artistas consagrados cuxas obras se exhiben xa en importantes Museos e coleccións privadas, como naqueles creadores emerxentes, chamados a ocupar un lugar relevante nos próximos anos. Ademais, tamén poderemos atopar obras inéditas e outra creadas ad hoc para este espazo.
Paralelamente á organización periódica de exposicións, SVT Espacio de Arte márcase como obxectivo o levar a cabo un programa de actividades culturais relacionadas coa creación plástica contemporánea, no que terán cabida os máis diversos formatos e experiencias: edición de textos, ciclos de charlas e conferencias, presentacións de libros, proxeccións audiovisuais, concertos de música contemporánea, eventos enfocados á poesía máis renovadora e as artes escénicas, ou propostas experimentais moi atentas ás simbioses entre as prácticas artísticas e as novas tecnoloxías.
Aínda que non é sinxelo escoller a primeira exposición, en SVT apostaron polo ourensán Xosé Vilamoure, un artista excepcional que pouco a pouco vai ampliando o círculo dos seus incondicionais, un pintor para pintores, dotado dunha técnica prodixiosa e cuxa imaxinación parece no ter límites. A exposición leva por nome Imago mundi e aliméntase de dúas das súas series máis frutíferas e sobresalientes: Animales en peligro de extinción e Taschen. En ambas explóranse, dun modo oblicuo e transgresor, os códigos do retrato pictórico.