CAMELIAS MASCOTAS

Así son as festas que se montan nos furanchos de San Blas

O son da gaita e o bombo pódese escoitar saír case de cada bodega e garaxe de Bembrive estes días. No interior destes furanchos, congréganse grupos de amigos que dan boa conta do cocido e o viño arredor de mesas improvisadas. Ao tempo, grupos de música tradicional cantan e bailan para animar o ambiente. A romaría de San Blas celébrase o vindeiro sábado día 3 de febreiro, pero o 6 de xaneiro os furanchos máis adiantados xa colgaron o cartel de aberto. E fai un par de semanas que se pode facer a ruta completa do furancheo en Bembrive.

Pelepau intégrano 11 percusionistas que proceden doutros grupos de música tradicional: David Gómez, Diego Cabaleiro, Iván Blanco, Rubén Crespo, Alberto Costas, Diego Pazo, Suso Freixo, Alberto López, Nicolás Rincón, Miguel Ángel Pereira e Alexandre Fernández. Están a piques de lanzar o seu segundo disco, despois de ter acadado moito recoñecemento co seu primeiro traballo ‘’ O pasado ano deron 36 concertos e 2018 promete continuar o mesmo camiño ascendente.

O pasado xoves, Pelepau protagonizou unha auténtica festa no furancho ‘O Buraquiño’. O grupo, formado por once percusionistas de Vigo e bisbarra, representa ben o espírito da romaría de San Blas. Tal como eles mesmos explican “a sémola de Pelepau está nunha taberna. Un grupo de amigos compartindo unhas cuncas de viño, acompañados por unhas cunchas e uns tamboriles”. Pelepau naceu para ser unha agrupación de rúa e tocar entre a xente, pero o éxito foi tal, que acabaron mudando o formato e subíndose aos escenarios para que todo o público poida gozar do espectáculo. Pero isto non fixo que perdesen un dos ingredientes diferenciadores desta formación: a cercanía co público. “En tódalas nosas actuacións procuramos a interacción co público. Unha das nosas virtudes e que conseguimos chegar a todo tipo de persoa, dende nenos a xente maior, xuventude…”. A idea coa que foi concibido Pelepau era a darlle unha reviravolta as cantigas tradicionais galegas. “Temos coñecidos que din que non lles gusta a música tradicional, pero que si que lles gusta Pelepau. A clave está no ritmo”, sinala un dos integrantes da formación viguesa.

O pasado xoves volveron aos inicios e tocaron a pelo entre a xente que se agolpaba para velos. A interación foi tal, que o espectáculo converteuse nun claro diálogo entre artistas e público. Todos os que alí estaban presentes acabaron contaxiándose pola enerxía e paixón que desprendía cada un dos compoñentes da formación. “A xente nota que vivimos a música e a complicidade que temos entre nós. Por iso se arrincan a cantar e bailar con nós”.

REVISTA NOVEMBRO

Unha das características desta agrupación é que só empregan instrumentos da percusión tradicional galega, de aí o nome : paus na pel. A pesar das limitacións impostas por non empregar ningún instrumento melódico, alén das súas voces, conseguen reproducir todo o repertorio popular galego. Eles mesmos matizan: “Pelepau é percusión, voz e movemento”. A posta en escena é clave nas súas actuacións e sempre acompañan as pezas dalgunha coreografía ou movemento compasado.

Ao longo destes sete anos conseguiron crear un son propio e que a xente os identifique. ‘Xa nos din: iso soa a Pelepau’, comentan. Un fito que dá pé a que pouco a pouco poidan integrar cantigas que por algún motivo quedaron no esquecemento. “Gústanos que a través de nós a xente coñeza novas pezas da nosa tradición”, sinalan.

Esta e a vindeira fin de semana tedes a oportunidade de achegarvos a Bembrive e entoar a voz con outras agrupacións que, ao igual que Pelepau, fan do folclore unha tradición viva. Deixámosvos o mapa de A Movida para que o descarguedes no móbil e non vos quede ningún furancho sen visitar.