Chus Lago realizará unha expedición de 700 km para concienciar sobre o cambio climático
A alpinista viguesa Chus Lago estará acompañada polas deportistas Verónica Romero e Rocío García nesta expedición ao Lago Baikal (Siberia), enmarcada dentro do proxecto Compromiso con la Tierra, que aspira a completar 1.500 km de travesía sobre xeo en distintas fases.
Tras as súas expedicións en Laponia no 2016 e no casquete polar de Barnes, en Canadá, no 2017, Chus Lago volve as andadas cunha nova expedición. Se as dous anteriores sumaron case 400 km, nesta a alpinista viguesa pretende cruzar o lago siberiano de Baikal, nun total de 700 km de traxecto. A data prevista para a súa partida é este luns 28 de xaneiro.
Xunto a ela estarán Verónica Romero, atleta de Mos que xa acompañou a Lago nas súas dúas anteriores aventuras, e a andaluza Rocío García, cardióloga e montañista. O equipo converterase na primeira expedición integrada unicamente por mulleres en atravesar este xigantesco lago ruso.
As tres montañeiras cruzarán o lago de sur a norte, percorrendo preto de 700 km durante uns 25 días, todo isto dependendo da cambiante climatoloxía. As tres mulleres desprazaranse durante as 8 horas de luz solar diarias, arrastrando zorras duns 70 quilos e farano utilizando diferentes métodos como esquís, crampones e patíns.
Con esta expedición, Chus Lago pretende concienciar sobre a importancia das rexións polares e as consecuencias do cambio climático. Neste caso, a paraxe escollida é o lago máis antigo e profundo do planeta, converténdose así na maior reserva de agua doce do mundo.