Emma Pedreira, Héctor Cajaraville e Carlos Negro reciben os seus Premios Xerais
Este sábado celebrouse a Festa de Entrega dos Premios Xerais 2018 no Museo do Mar, na que Emma Pedreira, Héctor Cajaraville e Carlos Negro recibiron os premios de Novela, Literatura Infantil e Literatura Xuvenil, respectivamente.
Besta do seu sangue de Emma Pedreira, Kusuma de Héctor Cajaraville e Aplicación instantánea de Carlos Negro foros os relatos premiados nos Premios Xerais 2018. Desta forma, Emma é a gañadora do XXXV Premio Xerais de Novela, Héctor do XXXIII Premio Merlín de Literatura Infantil e Carlos do X Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.
O xurado do Premio de Novela estivo formado por: Santiago Lopo, David González Domínguez, Vitoria Ogando Valcárcel, Claudia Morán, Patricia Porto e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás. O do Merlín compuxérono Uxía Martínez Recamán, Alba Piñeiro Estévez, María Sánchez Lires, Maribel Tato Sánchez, Antonio Yáñez Casal e o crítico e escritor Miguel Vázquez Freire. Por último, o Jules Verne estivo conformado por Isabel Armesto Rodríguez, Diana Fernández Gómez, Ma Paz Fernández Pereiro, Alba González Fernández, María Manuela Ordóñez Fernández e a profesora e crítica Isabel Mociño González.
Besta do seu sangue da coruñesa Emma Pedreira, relata con grande orixinalidade unha historia inspirada na figura e no mito de Blanco Romasanta desde unha visión que propugna unha revisión de xénero. Disposta como un conxunto fluído de microunidades narrativas, na novela conviven os rexistros culto e coloquial para vencellar as voces partícipes da historia e da creación do mito nacido arredor da persoa que foi considerada a
primeira asasina en serie da nosa historia.
Kusuma, a protagonista da obra do santiagués Héctor Cajaraville, é unha faisán femia procedente da remota selva de Kaltim, que se ve obrigada a marchar do lugar en que sempre viviu debido á acción destrutiva do ser humano. Co obxectivo de buscar un futuro mellor para ela e mais a rolada de pitiños que agarda, cruza medio mundo ata chegar a Galicia. Pero alí as cousas non van ser doadas: a desconfianza da maior parte dos animais da fraga en que se instala, o medo ao diferente e ao que vén de fóra, obrigará a Kusuma a demostrar o seu valor e o seu dereito a ser unha máis na terra de acollida.
Con Aplicación instantánea, o poemario do lalinés Carlos Negro, a poesía conecta de modo inmediato co sistema operativo das túas emocións. Se decides descargar este programa no teu menú de lecturas, terás acceso ilimitado ao universo afectivo de catro avatares que entran na vida co furor da irreverencia: contra a orde exacta dos armarios, contra o balbordo das atraccións de feira, contra o monocultivo cerebral dos eucaliptos, contra a ferruxe dos discursos que ignoran o movemento das dunas. Atrévete a entrar e descubrirás que a poesía ofrece sempre un perfil inesperado.