Vigo, escenario de luxo para videoclips
Neste último mes viron a luz dous videoclips de marcado carácter veraniego nos que Vigo é o principal protagonista. Ademais do gusto de ver as nosas praias e lugares emblemáticos, tamén nos fai reflexionar sobre as posibilidades que a nosa cidade pode ofrecer a nivel audiovisual tanto para cinema e series como para videoclips.
O primeiro vídeo, estreado o 6 de xullo por Blanco y Negro Music, é do tema Let’s Live It Up (In The Funbeachparty), do DJ portugués Thomas Living coa colaboración de Janie Symph. O clip móstranos un ambiente moi festivo e veraniego, con festas tanto na praia como na discoteca. Os principais escenarios son as praias do Vao, Samil e Rodas, nas Cíes, pero tamén aparecen lugares como o Náutico, a Porta do Sol ou a rotonda do Alfageme, en Coia.
A canción do DJ portense, con máis de 60.000 visualizacións en YouTube, aposta pola electrónica e música house bailable, cuxo videoclip funcionaría á perfección como vídeo turístico promocional de Vigo, que é mostrado como un lugar idílico no que gozar tanto da festa como do descanso.
O segundo videoclip é do tema Older With You da banda galega Birds & Cable, dirixido pola realizadora viguesa Soledad Rebollo, premiada no Festival de Cans e finalista nos Mestre Mateo. O vídeo, nas redes desde o 19 de xullo, continúa a liña veraniega do anteriormente mencionado, mais este opta por unha mensaxe máis tranquila e apacible, lembrándonos nalgunhas cousas aos típicos anuncios estivais de Estrella Damm.
No vídeo, gravado entre A Coruña e Vigo, destacan as paisaxes locais de Cabo Estai, Toralla e O Vao, con planos aéreos do máis fermosos. As imaxes, cheas de luz e beleza, están en sintonía coa música, un folk alegre ideal para animar unha tarde de verán.
Estes dous videoclips funcionan tanto como o que son, vídeos ilustrativos de cancións, como a modo de publicidade gratuíta para a nosa cidade, o cal nos leva a reflexionar sobre a importancia de aproveitar os bens naturais e estructurais que temos en favor do audiovisual. Impacto económico, artístico e publicitario no que todo o mundo sae gañando.