GFFF
GFFF

O GFFF imparte catro cursos de deseño de carteis, dobre de acción, efectos especiais e guión de terror 

O Festival Internacional de Cinema Freak e Fantástico de Vigo, que se celebra do 20 ao 28 de setembro incorpora como novidade a celebración de catro obradoiros impartidos por profesionais do cinema.

O Galician Freaky Film Festival engade un novo fronte á súa programación: catro cursos nos que os asistentes aprenderán a deseñar carteis de cine, crear guións para filmes de terror, manufacturar efectos especiais e actuar como dobre de acción. O máis chamativo da oferta é que está impartida por profesionais do sector, a maioría de fóra de Vigo, polo que se trata dunha oportunidade única para farmarse con eles.

Do 20 ao 28 de Vigo o cinema freak apodérase da Plaza Elíptica de Vigo con ducias de actividades entre proxeccións da Selección Oficial, filmes homenaxeados, Pequefreak, proxeccións especiais, concurso de banda deseñada, exposición e mesas cadradas. A todo isto súmase este ano unha nova proposta formativa con catro opcións para a que contan coa colaboración da escola de teatro Imaxinatea e a escola de deseño Aula D.

Curso de escenas de acción, impartido por Miguel Ángel Luque

Entre o 13 e o 15 de setembro Miguel Ángel Luque impartirá un curso de dobre en escenas de acción, no que os asistentes aprenderán a pegar hostias na gran pantalla como verdadeiros profesionais. Manexo de armas, loita corpo a corpo, recepción de golpes, caídas…todo o necesario para comezar a interpretar de forma crible e segura escenas de acción para a gran pantalla. O curso impártese en Imaxinatea, escola de teatro de Vigo dirixida tanto a amateurs como profesionais.

Miguel Ángel ten máis de 25 anos de experiencia no sector e traballou en producións internacionais como Juego de Tronos, Terminator, The Eternals, Los Mercenarios 4 ou Napoleón de Ridley Scott. Tamén traballou en series como El ministerio del tiempo e Servir y proteger. O curso, de tres xornadas, ten un prezo de 175,00 € e ps interesados poden inscribirse na plataforma actinghelps.

Obradoiro de efectos especiais, impartido por Ricardo Spencer e dirixido exclusivamente a público infantil

A segunda proposta formativa está dirixida aos pequenos da casa e non é unha novidade no festival. Trátase do obradoiro de efectos especiais do Pequefreak, unha actividade que se repite por terceiro ano dada a gran acollida recibida e que está dirixida exclusivamente a nenos e nenas.  

O obradoiro será impartido o sábado 21 de setembro entre as 10:30 e as 12:30 na sala Apo’strophe.arte da Plaza Elíptica. Un ano máis, o docente é o mestre de FX, Ricardo Spencer, que lles ensirará novos trucos con látex e sangue, xa sexa para o seu próximo disfrace de Samaín ou para as súas futuras producións audiovisuais. A inscrición ten un prezo de 10,00 € e realízase na plataforma de venda de entradas do GFFF

Con S de sangue, obradoiro de guión de terror impartido por Javier Trigales e Raúl Cerezo

O director e guionista Raúl Cerezo e o guionista e programador cultural Javier Trigales, autores de filmes como Viejos, La Pasajera, Eco ou El Semblante imparten un obradoiro en dúas xornadas, os días 27 e 28 pola mañá en Aula D. No curso diseccionan o traballo de escritura dun guión de xénero nas súas distintas fases, desde a primeira reunión ata a rodaxe e a estrea, facendo énfase na importancia da relación director-guionista.

O curso tamén inclúe titorías orientadas a directores e guionistas que teñan unha idea ou guión de curta ou longametraxe. O obradoiro está dirixido a alumnado de audiovisuais, profesores, cinéfilos, afeccionados, profesionais e todo aquel que queira mergullarse nas escuras augas do cinema de xénero e atopar, sen necesidade de ser (aínda) profesional do sector.  As persoas interesadas poden inscribirse a través da web do GFFF.

REVISTA SETEMBRO

Un cartel de cine, obradoiro de deseño de carteis con Sergio González Kuhn /Barfutura

Obradoiro de catro horas impartido por Sergio González Kuhn, fundador do estudo creativo Barfutura e responsable de centos de carteis de filmes e series moi recoñecibles, como Campeones, Patria, El Bar, Los Crímenes de Oxford, La isla Mínima, Julieta, Pieles ou Tadeo Jones. Formouse en deseño gráfico e traballou en Nova York e Tokio.

Durante o curso aprenderase a deseñar un cartel cinematográfico desde cero, atendendo á selección fotográfica, tipografía, titulo e logotipo, montaxe do bloque dos créditos e composición final. A formación terá lugar o sábado 28 de 9:30 a 13:30, na escola de deseño Aula D e os asistentes deberán levar ordenador cos programas Indesign, Illustrator e Photoshop. O prezo do curso é de 40,00 €, con desconto de 8,00 € para alumnos de Aula D.