GFFF
GFFF

Ensaia ofrece dúas bolsas para apoiar o impacto social ou cultural da xuventude galega

O movemento social ensaia abre a súa cuarta convocatoria para a «Bolsa ensaia» na que, por primeira vez, outorgarán dúas bolsas de 6.000 € para apoiar a traxectoria de dúas persoas que queiran facer un percorrido que impacte social, cultural ou economicamente en Galicia. Cuarta edición dunha bolsa que cada ano crece e que acumula receptoras da talla de Nuria Vilán ou Adrián M. Pereiro e finalistas como a violinista Antía Ameixeiras, o emprendedor ambiental Kiko González ou o debuxante Chano Ripio, entre outros.

Foto da última gala da bolsa ensaia | Cedida

Con case 200 candidaturas nestes anos, nesta edición, dado que dobraron o número de bolsas, esperan descubrir aínda máis talento local co desexo de que sexa de todas as provincias e ámbitos. O prazo está aberto desde o pasado 1 de setembro, para persoas entre 21 e 35 anos, e ata o 30 de outubro de 2024. Asentados en Galicia como un referente cultural que busca impactar na seguinte xeración, ensaia lanza esta cuarta edición da bolsa con novidades dirixidas a impactar no maior número de traxectorias e un fito estrela: dúas bolsas de seis mil euros cada unha, para apoiar traxectorias que impactan en Galicia.

REVISTA SETEMBRO

Tal e como afirma un dos seus fundadores, Javier Cebreiros, «sabemos que dúas bolsas non son suficiente para a cantidade de propostas, por iso queremos ser útiles para todas as persoas finalistas mediante a estrea dun programa de seguimento dun ano, así como coa asignación dunha residencia creativa dun mes para outra persoa». Na mesma liña, outra das persoas do xurado, Lia – artista social -, afirmaba que «moitas veces, un contacto, un consello ou o apoio da comunidade poden ter máis valor que o propio diñeiro; ese é o noso obxectivo con todas as persoas finalistas: impulsalas». Unha iniciativa recoñecida polas Nacións Unidas en 2018 que, desde que comezou a outorgar bolsas, viu como a súa cantidade de doantes se multiplicou facendo posible outorgar, por primeira vez, dúas bolsas nunha mesma anualidade. «O máis importante que temos é crear unha cultura de xenerosidade; todas as persoas doan de forma anónima e desinteresada desde hai anos coa visión apoiar á nosa mocidade», engade Hugo Lúa, coordinador do programa «mil futuros», no que visitan centros escolares.

A viguesa Nuria Vilán, unha das anteriores gañadoras da bolsa ensaia | P. Vázquez

Cunha visión de longo prazo, Cebreiros recalcaba a importancia de cada unha das persoas que conforman a comunidade para dar bolsas durante 30 anos: «O compromiso a longo prazo é o que fai sostible que os resultados de todo o noso esforzo vaian ter sentido en décadas; aos poucos, iremos ampliando o noso impacto, pero ser útiles para tan só unha persoa, implica que xa mereceu a pena». Liberdade creativa e aberta a todos os perfís Nun momento de elevada fuga de talento, é importante trasladar á mocidade que hai unha rede de apoio que desexa que poidan impactar en Galicia coa súa traxectoria. A bolsa, co seu prazo aberto desde o 1 de setembro, permite a liberdade creativa no proceso de presentación para non condicionar aos diferentes perfís e ábrese a todos os ámbitos de actividade.

O prazo termina o 30 de outubro de 2024 e a información está na web de ensaia.